A Consellería do Medio Rural confirma que na convocatoria deste ano non se van aprobar todas as solicitudes de axudas para plans mellora debido á falta de orzamento, tal e como xa denunciou este venres Unións Agrarias.
En concreto, e en resposta a unha solicitude de información de Campo Galego, o departamento que dirixe María José Gómez, asegura que “está previsto aprobar todos os expedientes de incorporación de mozos 2024 que cumpran os requisitos, aínda que nalgún caso non se poderá aprobar o Plan de mellora asociado”, debido á falta de suficiente orzamento.
Para as solicitudes que cumpran os requisitos e que queden fóra, a Consellería do Medio Rual comprométese a que “estableceranse as medidas oportunas na vindeira convocatoria para que teñan prioridade sobre o resto e poidan completar a súa instalación”. “Tamén de cara a vindeiras convocatorias, negociaranse condicións máis vantaxosas para o sector, co fin de seguir afondando na mellora deste eido”, engade
En canto á proposta de Unións Agrarias de que a Consellería agrupe o orzamento previsto os anos 2024 e 2025 para os Plans de mellora das explotacións a fin de poder dar resposta ao volume de solicitudes presentadas nesta convocatoria, máis de 2.000, dende Medio Rural descartan esta opción. Así, argumentan que “á hora de falar de agrupamento de convocatorias, hai que ter en conta as diferentes limitacións administrativas que existen nestas cuestións, xa que en ningún caso se poden modificar as condicións e os requisitos que se estableceron na convocatoria á que se presentaron os proxectos”.
Nas axudas para investimentos nas explotacións agrarias e a remuda xeracional a Consellería asume con fondos propios o 28% do financiamento dos Plans de Mellora, un 12% corresponde ao Ministerio e un 60% a fondos europeos.