A Xunta reclama garantías para o sector agroalimentario galego ante o acordo Mercosur-UE

As conselleiras de Economía e do Medio Rural destacan que o acordo podería servir para favorecer o crecemento das pemes galegas, mellorando a súa competitividade e presenza no exterior

A Xunta reclama garantías para o sector agroalimentario galego ante o acordo Mercosur-UE

As conselleiras de Medio Rural e Economía durante a rolda de prensa. Cedida

Dende a Xunta de Galicia reclaman garantías para os sectores produtivos estratéxicos para a economía galega ante o novo escenario, tras o acordo entre a Unión Europea e Mercosur. En paralelo, consideran que esta alianza, no caso de Galicia, podería impulsar o comercio e a internacionalización das empresas galegas e anunciaron a apertura dunha nova Antena comercial do Instituto de Promoción Económica de Galicia (Igape) en Brasil, a primeira que se abrirá en América do Sur coa finalidade de apoiar os sectores que queiran operar neses mercados.

A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, e a titular de Medio Rural, María José Gómez, afirmaron que o acordo acadado o 6 de decembro facilitará “o intercambio comercial sen aranceis” entre os países europeos e os que forman o bloque económico suramericano: Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai.

Segundo indican, o pacto liberalizaría o 90 % das importacións e exportacións entre ambos bloques, ofrecendo oportunidades únicas para sectores estratéxicos en Galicia, coma o automóbil, os produtos agrícolas e a industria química.

A conselleira de Economía subliñou que un dos principais beneficios do acordo é a redución das barreiras arancelarias e non arancelarias, o que facilitaría unha maior fluidez nos intercambios comerciais. Tamén afirma que o futuro marco comercial permitiría ás empresas galegas aproveitar mellores condicións de acceso aos mercados de América do Sur, reducindo aranceis e mellorando a competitividade das exportacións.

Galicia solicitou solicitado ao ministro de Agricultura a convocatoria dunha conferencia sectorial urxente para tratar de esclarecer o impacto que Mercosur vai ter no eido primario

Lorenzana tamén se referiu ao apartado específico que incorpora o acordo para facilitar a internacionalización das pemes “e que recoñece as dificultades que estas empresas atopan ao intentar acceder a mercados exteriores”. Deste xeito, as propostas recollidas “poderían permitir ás empresas galegas de menor tamaño competir en condicións similares cos grandes operadores internacionais”.

Preocupación polo sector gandeiro
A conselleira do Medio Rural amosou a súa “preocupación” polas posibles consecuencias do acordo no sector agrogandeiro galego e insistiu na reclamación dunha conferencia sectorial urxente sobre esta cuestión, para avaliar ese impacto. “Se ben estamos nunha situación actual de estabilidade de prezos”, indicou a conselleira, o tratado supón “un novo reto” do que se descoñecen as implicacións reais no campo.
Por iso lembrou que diferentes comunidades autónomas, entre elas Galicia, teñen solicitado ao ministro de Agricultura, Luis Planas, a convocatoria dunha conferencia sectorial urxente para tratar de esclarecer o impacto que Mercosur vai ter no eido primario.

Gómez afirmou estar en contacto cos axentes do sector, en especial co da carne, que pode ser o máis “vulnerable”, a expensas de saber as implicacións concretas do tratado. Engadiu que “estaremos vixiantes” porque os produtores galegos teñen que competir en igualdade de condicións nesta nova realidade e tamén sobre as negociacións para a implementación da nova PAC, nas que “veremos como se vai protexer o sector agroalimentario europeo” nesta nova tesitura.

Reunión co sector en Madrid
A secretaria de Estado de Comercio do Ministerio de Economía, Amparo López Senovilla, e a secretaria Xeral de Recursos Agrarios do Ministerio de Agricultura, Ana Rodríguez Castaño, presidirán hoxe,  na sede do Ministerio de Economía, unha reunión informativa coas organizacións profesionais agrarias e con cooperativas agroalimentarias, para explicarlles o acordo alcanzado entre a Unión Europea e os países do Mercosur.

Claves do acordo Mercosur-UE

O acordo Mercosur-UE comezou a súa negociación dende o ano 1999 e prolongarase, aínda, ata mediados do ano que vén. En canto ás negociacións de agricultura, resalta o dato de que o acordo se pechou hai cinco anos, no 2019, e dende entón non se deu ningunha concesión adicional en agricultura.

A carne que entre terá que cumprir o regulamento sanitario europeo. Non se poderá importar carne hormonada

Un dos puntos clave é que todos os produtos que entran na UE deberán cumprir co regulamento sanitario, isto xa impón custos importantes aos países terceiros. De feito, o bulo sobre a entrada de carne tratada con hormonas e produtos prohibidos na UE, non é certo. Non se relaxaron as normas sanitarias neste sentido.

Tamén destaca a cláusula de salvagarda que permite tomar medidas, incluída unha rescisión temporal da concesión, se como consecuencia das importacións o mercado interno está en problemas. Esta cláusula aplícase tamén a produtos con cota. Cabe puntualizar que estas cláusulas de salvagarda normalmente están para produtos liberalizados, os que entran sen ningún tipo de límite.

Cotas e produtos sensibles
Os produtos sensibles son os acordados entre as partes. Pódense definir como aqueles produtos nos que non somos competitivos e para protexer a produción interna, en lugar de liberalización, ofrécese unha cota con dereito reducido ou cero.

Haberá cotas á entrada de carne de vacún do Mercosur. Cando se superen determinados volumes, aplicaranse os aranceis normais

Por exemplo, a carne de vacún é un produto sensible en relación con Brasil, pero se a negociación fose con Xapón non sería un produto sensible. Todos os produtos para os que se impoñen cotas son considerados sensibles, na medida que a UE negociou unha redución dos dereitos de aduanas dentro dun certo volume. Se o volume se superase, aplicarase o dereito de aduanas normal.

Os produtos dos que se soen falar, por ser iconicamente sensibles, son a carne de vacún, a carne de ave, o etanol e o azucre.

O aceite de oliva foi gran beneficiario do acordo porque conseguiu liberalizar as exportacións a Mercosur, incluído Brasil

Cabe puntualizar que, de normal, cando se fai unha negociación fíxase unha porcentaxe de ambición, é dicir, o número de liñas tarifarias totais que se van a liberalizar. Así, liberalizaranse máis do 90 % das liñas tarifarias, algunhas con gran comercio e noutras inexistente.

Sectores
En relación ao sector vitivinícola, destácase que o viño é importante no Mercosur porque os dereitos de aduana variaban, chegaba a haber para o viño ata un 35 % de dereito de aduana. Ademais, é un mercado en crecemento. Tamén se facilitará o comercio de viños no acordo porque xunto coa redución dos dereitos arancelarios, hai compromisos para simplificar as análises, o recoñecemento das técnicas das prácticas enolóxicas e outros aspectos.

A oliva e os aceites liberalizáronse, sendo un dos de máis interese para España, xa que é gran produtora de aceite. Os países do Mercosur son sensibles a capacidade española exportadora. O aceite de oliva foi gran beneficiario do acordo porque conseguiu liberalizar as exportacións a Mercosur, incluído Brasil.

Etiquetado dos produtos agroalimentarios
Como noutras consideracións, ao etiquetado aplícaselle o principio da territorialidade, é dicir, as normas que se deciden para a UE aplícanse para todos os produtos que circulan libremente na UE. Polo tanto, todos os produtos que entren terán que adaptarse a esas regras, igual que os produtos da UE se adaptan ás de destino.

Comunicación do acordo
A decisión de como vai a ser presentado aos Estados membros o acordo aínda non se decidiu, será comunicado polas altas autoridades. Non se coñece se será un acordo único, para o que se precisa a aprobación de todos os Estados membros e a ratificación dos Parlamentos nacionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información