A Consellería do Medio Rural vén de solicitarlle á Comisión Europea que a nova PAC dispoña de “recursos suficientes e dun fondo propio forte e suficientemente dotado” para seguir a apoiar o medio rural de Galicia, co obxectivo de que poida ser económica e ambientalmente sustentable no contexto global. Así o trasladou a titular deste departamento, María José Gómez, nunha xuntanza co director xeral adxunto en funcións da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea e director de Indicacións Xeográficas, Promoción e Investigación, Diego Canga; na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.
Nesta reunión María José Gómez lembrou as particularidades que presenta o sector agroalimentario galego e as singularidades do seu territorio, dous factores que, segundo dixo, inciden directamente no traballo dos produtores agrogandeiros e requiren que o deseño da nova PAC preste atención ás especificidades de cada territorio, para así garantir a continuidade dunha actividade agrongadeira sustentable.
Neste sentido, Galicia vén tamén reclamando unha simplificación da PAC para que esta se adapte ás necesidades dos gandeiros galegos; unha cuestión de absoluta prioridade para o Executivo autonómico. Hoxe mesmo preséntase un novo paquete de simplificación na Comisión Europea. Así, a conselleira amosou a súa vontade porque o novo paquete de simplificación que se presenta hoxe sexa beneficioso para a comunidade.
En relación coa nova política arancelaria instauraurada polos Estados Unidos, a conselleira do Medio Rural considera esencial habilitar canles de diálogo e entendemento entre os distintos actores de cara á eliminación de aranceis recíprocos nos produtos do sector primario. Así mesmo, o Goberno galego seguirá reforzando a promoción dos produtos agroalimentarios e apostando pola diversificación de mercados.
No caso concreto do sector vitivinícola, Gómez Rodríguez defende que é “imprescindible” reforzar e incrementar medidas de apoio cara ao sector; con liñas para a promoción dos viños na Unión Europea e en terceiros países, a reestruturación e reconversión de viña, impulso á innovación, modernización e dixitalización nas adegas; ademais do apoio para facer fronte aos cambios da tendencia no consumo.

A conselleira do Medio Rural reuniuse en Bruxelas co director xeral adxunto en funcións da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea e director de Indicacións Xeográficas, Promoción e Investigación, Diego Canga
Posteriormente, María José Gómez mantivo unha reunión con representantes da asociación de cooperativas COPA-COGECA, na que abordaron a importancia do asociacionismo para o medio rural galego.