A Xunta recibe máis de 150 solicitudes para impulsar proxectos non agrícolas de emprendemento no rural galego

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de recibir, no marco da nova convocatoria do programa Galicia Emprende Rural, máis de 150 solicitudes para impulsar proxectos non agrícolas de emprendemento no rural galego.

O obxectivo desta liña é reforzar a aposta polo emprendemento, desta volta a través dunha liña que aspira, unha vez máis, a estimular o tecido empresarial galego, fomentando a xeración de arredor de 200 empregos mediante o apoio á creación de empresas para actividades non agrícolas nestas zonas rurais.

Entre as actividades que Galicia Emprende Rural pretende impulsar figuran as de sectores como o TIC, prestación de servizos de enxeñería, arquitectura ou veterinaria, artesanía e comercio polo miúdo ou restauración. 

O importe das axudas mínimas por beneficiario é de 20.000 euros e o das máximas é de 45.000. Os promotores que finalmente se beneficien desta liña de apoios desenvolverán os seus plans empresariais de negocio en 18 meses e recibirán un adianto do 60% da axuda concedida, logo da notificación da resolución e a acreditación de dito plan.

A liña, desenvolvida polo Igape e cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), suma xa tres convocatorias anteriores que permitiron impulsar 180 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos, coa concesión de axudas por importe de 11 millóns de euros vinculadas ao compromiso de creación e mantemento de máis de 450 postos de traballo por parte das iniciativas apoiadas.

Deste xeito, o emprendemento segue a ser un dos piares básicos de actuación da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Un camiño que precisa da implicación e a colaboración das administracións e dos axentes económicos e sociais na procura de seguir estimulando o crecemento económico.

Por este motivo, impúlsanse cada ano distintos programas e liñas de actuación neste ámbito entre os que destaca o Galicia Emprende, que no período 2017-2021 ten facilitado a activación de 365 proxectos emprendedores que mobilizaron 54 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información