A Xunta recibe case 1.000 solicitudes para recuperar 21.400 hectáreas de terras abandonadas

O 62% das hectáreas solicitadas serían para gandería, o 9% para orientacións agrícolas, o 7% para produción forestal e o 22% restante para explotacións mixtas. A Administración galega solicitou fondos Next Generation para poñer en marcha a recuperación das terras

Terra abandonada na zona do Regadío do Val de Lemos, en Monforte

Terra abandonada na zona do Regadío do Val de Lemos, en Monforte

O Consello da Xunta analizou este xoves o informe da Consellería do Medio Rural no cal se detallan as solicitudes recibidas sobre superficies de terras en estado de abandono ou infrautilización, a través da manifestación de interese de proxectos do sector primario e agroalimentario galego, así como doutros interesados neste eido.

En total, a Xunta recibiu preto de 1.500 iniciativas de pequenas e medianas empresas, entre enquisas simplificadas e proxectos, que queren optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central. De todas elas, un total de 994 indican a localización xeográfica da terra demandada e supoñen a posta en valor de 21.322 hectáreas.

Algo máis de 13.200 hectáreas demandadas son para a orientación produtiva gandeira. Destas, preto do 94% da superficie, é dicir, máis de 12.400 ha, correspóndese con peticións de gandaría bovina, seguida pola ovina co 2,7%, unhas 350 hectáreas.

A maior parte das peticións proceden de explotacións de gando vacún de leite e de carne

O informe da Consellería de Medio Rural recolle tamén que máis de 1.900 hectáreas demandadas son para a orientación produtiva agrícola, das cales o 40,8% corresponde con viñedo (779,1 ha), seguida do 28,7% para froiteiras (547,5 ha), o 8,4% para cultivos forraxeiros (161 ha) e o 7,2% para plantación de pataca (137 ha).

No caso da orientación produtiva forestal demandáronse algo máis de 1.400 hectáreas e as variedades máis frecuentes son as frondosas caducifolias (369 ha) e as coníferas (344 ha). O resto de superficie demandada (máis de 4.700 ha) sería para explotacións que demandan terras mixtas, é dicir, para produción agrícola, gandeira ou forestal.

Análise da demanda de terra por concellos

Tras esta primeira revisión, constátase que existen demandas de superficie no ámbito de concello para 197 dos 313 concellos de Galicia. Os concellos con maior demanda de superficie na provincia da Coruña foron o de Dumbría (é o de maior demanda de superficie con 382 ha), Cerdido, Narón, Camariñas, Muxía e Arzúa.

No tocante á provincia de Lugo, a demanda de terra céntrase no concello de Friol (este é o concello de Galicia con maior superficie demandada con 2.577 ha, das que 2.524 ha son para gandaría e 53 ha de orientación mixta), O Incio, Cervantes, Guitiriz, Becerreá e Begonte.

Dumbía na Coruña, Friol en Lugo, Avión e Beariz en Ourense e Rodeiro en Pontevedra son os concellos nos que hai máis solicitudes

Xa na provincia de Ourense, os concellos de Avión e Beariz son os que presentan unha maior demanda (correspondente a unha única solicitude coa que suman 2.000 ha), seguidos dos de Viana do Bolo, Lobios e A Veiga.

Finalmente, no tocante á provincia de Pontevedra, destacan os concellos de Rodeiro (é o de maior superficie demandada con 730 ha), A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Silleda e O Rosal.

Iniciativa de carácter non vinculante

Cómpre sinalar que a convocatoria de manifestación de interese de proxectos autonómicos é unha iniciativa de carácter non vinculante que permite identificar os interesados en participar nos proxectos tractores e transversais impulsados pola Consellería do Medio Rural ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central, ao tempo que axudará a definir as liñas estratéxicas de actuación no rural galego.

A Xunta quere poñer en marcha de 200 aldeas modelo

Así, o obxectivo final deste plan nacional é a reactivación económica a curto e medio prazo e a transición cara a unha economía sustentable e resistente a longo prazo. Nesa liña, e no marco desta iniciativa, a Xunta presentou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e ao de Industria, Comercio e Turismo o Polo para a transformación de Galicia como un proxecto transformador que promoverá o desenvolvemento de catro proxectos tractores e catro proxectos transversais, cos cales afrontar os catro grandes retos (transición ecolóxica, transición xusta, transición dixital e loita contra o despoboamento e o reto demográfico).

A demanda total de terras agrarias en Galicia ascende a máis de 200.000 hectáreas

Doutra banda, cómpre sinalar que nesta primeira revisión da manifestación de interese, concluíuse que existe unha necesidade adicional de 213.101 hectáreas de terra agraria, que non puido ser xeolocalizada e, polo tanto, non foi posible relacionala coas terras que se mobilizarán cos instrumentos de recuperación de terras. Por este motivo, a Consellería do Medio Rural porase en contacto cos solicitantes destas terras co fin de que precisen con maior exactitude a localización xeográfica das terras requiridas. Deste xeito poderán confrontarse estas necesidades coas terras que se mobilizarán a través dos instrumentos de recuperación que se poñan en marcha ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

O sector vitivinícola demandada 10.000 hectáreas

A maiores destes proxectos, as cinco denominacións de orixe vinícolas galegas solicitaron máis de 10.000 hectáreas para o desenvolvemento de polígonos agroforestais destinados a viñedo, que se levarán a cabo no marco da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, á marxe dos fondos Next Generation. 

Tendo en conta o potencial do sector vitivinícola galego de calidade, a Consellería solicitoulle a cada un dos cinco consellos reguladores (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra) que delimitaran xeograficamente os ámbitos propostos para o desenvolvemento de polígonos agroforestais destinados a viñedo acollido a cada DOP.

A denominación de orixe que máis superficie solicitou foi Ribeira Sacra, seguida de Rías Baixas

Así, o conxunto das cinco denominacións de orixe dos viños demandaron máis de 10.000 hectáreas, distribuídas en 2.230 ha para a DOP Rías Baixas, 1.434 para a DOP Ribeiro, 311 para a DOP Valdeorras, 407 para a DOP Monterrei e 5.781 ha para a DOP Ribeira Sacra.

A recuperación desta superficie demandada polos consellos reguladores vinícolas levarase a cabo ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia co fin de reforzar estes selos de calidade mediante figuras de mobilización de terras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información