A Consellería do Medio Rural anuncia un novo investimento de fondos propios que ascende ata os 8 millóns de euros (un millón de euros anuais ata o ano 2032) para a modernización dos regadíos na Limia. Así o anunciou hoxe a titular deste departamento, María José Gómez, na sinatura dun novo convenio coa Comunidade Xeral de Regantes Nova Limia, que ten como obxectivo subvencionar a viabilidade financeira das actuacións enmarcadas na iniciativa de mellora para o aproveitamento en regadío das captacións de augas subterráneas desta comarca.
Con este orzamento poderanse levar a cabo as obras de modernización e consolidación do regadío da Limia contempladas no convenio asinado entre a Comunidade de Regantes e a Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias (Seiasa), enmarcado no Plan de Recuperación, Tranformación e Resiliencia da Economía Española, concretou Gómez, que estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.
A conselleira explicou que este proxecto conta cun orzamento de case 36 millóns de euros máis IVE, do que a Comunidade de Regantes ten que financiar o 20%, ademais do 21% do IVE da obra e outros custos adicionais. A conselleira do Medio Rural cualificou como “inasumible” a cantidade que teñen que aboar os regantes algo que, como recalcou, “se trasladou en numerosas ocasións”. Polo tanto, a Xunta “respondeu” con axilidade “cumprindo co prometido” e optou por establecer este convenio para facer fronte a parte do financiamento que lle corresponde asumir a esta Comunidade.
Seguindo esta liña, contrapuxo “o importante esforzo inversor do Goberno autonómico baseado na utilización de fondos propios en contraste co traballo realizado polo Goberno central, que recadará o IVE desta obra”. De seguido, destacou que a mellora e modernización da Limia é unha “actuación estratéxica” que traerá consigo importantes repercusións positivas tanto para o desenvolvemento socioeconómico da zona como para a potenciación do sector agrario da comarca. Ademais, referiuse ás obras realizadas con carácter previo nesta zona.
Así, lembrou que “a Consellería do Medio Rural realizou nos últimos anos importantes investimentos para modernizar e mellorar o regadío da Limia, sempre con fondos propios e co obxectivo de manter e preservar o tecido agrario desta comarca. Cómpre lembrar os catro millóns de euros investidos na sondaxe e construción de 42 pozos para a captación de augas subterráneas, actuacións necesarias para que a Comunidade de Regantes puidera asinar o convenio con Seiasa”..
María José Gómez tamén salientou os 2,5 millóns destinados para financiar na súa totalidade, a instalación dos grupos de bombeo e de electrificación. “Polo tanto, no seu conxunto, a Xunta investiu preto de 7 millóns de euros para acometer obras de mellora no regadío da Limia”, subliñou.
Galego









Control OJD