
A Xunta anuncia que realizará esta semana un novo pagamento das axudas da Política Agraria Común (PAC) de máis de 125 millóns de euros, o que permite acadar xa un nivel de execución do 80 % nesta campaña de 2025. O Consello do Goberno galego tomou este martes razón desta medida, que supón o pagamento de algo máis de 100 millóns de euros correspondentes ao 90 % do saldo das axudas directas e de preto de 25 millóns do 100 % das achegas a zonas con limitacións naturais (ZLN).
Dende Medio Rural salientan que “este abono representa un 7 % máis de pagamento con respecto ao mesmo período do ano pasado, xa que en decembro de 2024 pagáronse 116,6 millóns de euros. Así, incluíndo o anticipo de 44 millóns que se fixo efectivo en outubro, a cantidade pagada aos gandeiros e agricultores galegos pola solicitude de 2025 da PAC ascende xa a preto de 170 millóns de euros, dos 215 previstos para esta campaña”.
En concreto, neste pagamento de decembro adiántase a axuda asociada a ovino-cabrún e se reforzan os pagamentos de zonas con limitacións naturais, “moi superiores que en anteriores exercicios, co fin de dotar de maior liquidez a aqueles agricultores e gandeiros que se viron especialmente afectados pola vaga de incendios forestais do verán”. “Deste xeito, tal e como xa se anunciara a finais de outubro pasado, neste mes de decembro procédese a aboar a maior parte das axudas directas da PAC correspondentes a 2025”, engaden.
Cronoloxía dos pagamentos
O día 6 de marzo de 2025 comezou o prazo para presentar a Solicitude Única da PAC, que agrupa nun só acto todas as solicitudes ás distintas liñas de axuda. Este prazo estendeuse ata o 31 de maio. Tras a tramitación das solicitudes presentadas, a regulamentación comunitaria establece que os pagamentos da PAC poden comezar a realizarse a partir do día 16 de outubro de cada ano.
Recentemente, na segunda quincena do mes de outubro, realizouse o aboamento do “anticipo da PAC”, que é un pagamento anticipado das axudas directas que reciben os agricultores e gandeiros. O obxectivo deste anticipo é proporcionar un fluxo de efectivo para axudalos a facer fronte aos seus gastos operativos durante o ciclo agrícola. Este anticipo ascendeu a 44 millóns de euros, correspondentes a vacún de leite e carne.
O prazo para proceder ao pagamento do resto das axudas directas da PAC a través do fondo agrario Feaga, o “pagamento do saldo”, comezou o día 1 de decembro de 2025, de maneira que todas as axudas deberán estar pagadas, a máis tardar, o 30 de xuño de 2026.
Así, con estes novos abonos, séguese dando cumprimento aos prazos establecidos. En concreto, o pagamento do 90 % do saldo das axudas directas da PAC suporá un montante de 100.409.723,79 euros. No marco desta partida, este ano inclúese, como novidade, o pagamento da axuda asociada a ovino-cabrún. E o abono do 100 % das axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN) farase por un importe de 24.793.668,87 euros, unha contía superior a anteriores exercicios. Desta maneira, o total destas axudas, que se integrarán esta semana, ascenderá a 125.203.392,66 €. Polo tanto, para 2026 só restaría por pagar o 10 % das axudas directas e as axudas agroambientais.
Galego









Control OJD