A Xunta reactiva a campaña ‘Faite cortalumes’ para concienciar á sociedade contra os lumes forestais

Baixo os lemas “son cortalumes” e “faite cortalumes”, esta iniciativa promove a toma de conciencia social diante deste problema. Este ano participan de forma desinteresada na difusión destas mensaxes o xornalista Rodrigo Vázquez, actores como Rubén Riós e Lucía Regueiro, o físico Jorge Miras, a escritora Ledicia Costas e os humoristas gráficos Pinto e Chinto, entre outros

A Xunta reactiva a campaña ‘Faite cortalumes’ para concienciar á sociedade contra os lumes forestais

Por segundo ano consecutivo, a Consellería do Medio Rural difunde a campaña Faite cortalumes para concienciar á sociedade dos danos que comportan os incendios forestais, co fin de implicar a toda a poboación na loita contra esta lacra. Baixo os lemas “son cortalumes” e “faite cortalumes”, esta iniciativa divulgarase nos medios de comunicación a vindeira semana, estando presente tamén nas redes sociais.

O obxectivo desta campaña de comunicación é levantar de carácter simbólico un “cortalumes humano” grazas á participación da sociedade. Neste senso, no primeiro ano de funcionamento da páxina web, numerosos cidadáns interesáronse por esta aplicación e 650 fixéronse cortalumes a través da descarga do diploma acreditativo. Facerse cortalumes significa actuar coa máxima precaución no monte, adoptar prácticas respectuosas coa natureza, avisar a través do teléfono 085 dos incendios dos que se teña coñecemento e, sobre todo, denunciar os incendiarios.

Novos persoeiros públicos que se suman á campaña

Como novidade, este ano súmanse á campaña de forma desinteresada novos persoeiros públicos que prestan a súa imaxe para reforzar as mensaxes de loita e prevención. Así, pasan a ser novos cortalumes o xornalista Rodrigo Vázquez, o físico Jorge Mira, os actores Rubén Riós e Lucía Regueiro, a escritora Ledicia Costas, o cociñeiro Juan Crujeiras, a músico Rosa Cedrón e os humoristas gráficos Pinto e Chinto.

Campaña web

Esta campaña é interactiva e ten como referencia a web http://www.soncortalumes.gal/. Trátase dun espazo en internet que, ademais de lanzar mensaxes de sensibilización e toma de conciencia social fronte os incendios forestais, permitirá que calquera persoa que o desexe poida obter o seu diploma de cortalumes. Abondará con cubrir un formulario co nome e apelidos e o interesado recibirá por correo electrónico un certificado personalizado.

Ademais, dende a Consellería de Medio Rural convidan á poboación que suba unha fotografía ou vídeo para deixar constancia de que a poboación galega está en contra de calquera actividade delituosa que poida poñer en perigo os montes galegos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información