A Xunta proxecta impulsar un seguro contra incendios forestais

Medio Rural proponse elaborar un estudo nos montes que xestiona para analizar a frecuencia de lumes dos últimos anos e os danos sufridos. O obxectivo é ofrecerlle os cálculos ao mercado asegurador para definir o custo dunha póliza

A Xunta proxecta impulsar un seguro contra incendios forestais

Lume nos Ancares este outono.

O investimento forestal enfróntase en Galicia a un risco, o do lume, que é como a ruleta rusa. Se chega o lume a un monte, os propietarios poden perder en horas o traballo de décadas. Para paliar ese risco, a Xunta proxecta impulsar un seguro contra incendios forestais. O Plan Forestal de Galicia recolle a decisión da Administración de elaborar estudos para ofrecerlle o mercado asegurador os datos necesarios para definir o custo dunha póliza contra o lume.

Medio Rural considera que a protección do monte é un elemento clave á hora de mobilizar recursos para a xestión forestal, polo que desenvolverá estudos co obxectivo de implantar un seguro contra lumes en Galicia. Para a análise, a Consellería proxecta traballar cos montes que xestiona, analizando os lumes que sufriron esas superficies nos últimos anos e as perdas ocasionadas.

Con eses datos, deseñará un contrato de seguro e consultará co mercado asegurador as posibilidades de poñer en marcha unha póliza tipo que recolla cuestións como detalles das superficies obxecto da prima, plans de xestión, certificación, etc. Será entón cando se poidan tomar decisións para a posta en marcha da póliza, que requerirá, en calquera caso, dunha masa de propietarios suficiente que estea interesada no proxecto.

Restauración tras os lumes

Este outono, o lume levouse por diante en Galicia montes ben xestionados e que tiñan feito importantes investimentos en prevención e silvicultura nos últimos anos. Os propietarios forestais requeríronlle á Administración axudas para volvelos a poñer en produción, aínda que polo de agora esas liñas de apoio non chegaron.

Desde as comunidades de montes demandan apoio para evitar o abandono do monte, pois din carecer de suficientes recursos para recuperar as superficies queimadas. Se o proxecto de seguro forestal saíse adiante, nun futuro esa restauración dos montes afectados polo lume quedaría garantida polas pólizas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información