A Xunta propón unha fronte común co sector ante a Dermatose Nodular Contaxiosa

251127_MedRural_CnslloAgrarioGlego-0A Xunta propón impulsar unha fronte común co sector agrogandeiro galego diante da Dermatose Nodular Contaxiosa, co fin de alcanzar consensos e defender, diante do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), que se tomen medidas coordinadas para salvagardar a cabana gandeira bovina e os intereses dos gandeiros da comunidade. Así o trasladou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na xuntanza do Consello Agrario Galego, órgano de participación, asesoramento, diálogo e consulta do Goberno galego en materia agraria e de desenvolvemento rural.

Gómez, que estivo acompañada por diferentes cargos da Consellería, explicou que “se trata de unir esforzos, como xa se fixo en relación coa Política Agraria Común (PAC), para manter a garda preventiva e reforzar o traballo en común fronte a esta doenza”. Nesta liña, a conselleira insistiu en reclamar ao Ministerio “máis coordinación a nivel estatal sobre a xestión desta enfermidade”. Esta petición xa se trasladou en varias ocasións e mesmo mediante unha carta ao ministro Luis Planas, na que a Xunta reclamou unha maior implicación do seu departamento na prevención desta enfermidade, co obxectivo de levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades autónomas que dean certezas e seguridade ao sector gandeiro.

No mesmo sentido, requiriuse tamén ao MAPA que lidere no marco da Unión Europea unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva e que solicite a modificación da categoría da enfermidade -actualmente considerada “A”, a máis grave das existentes-, xa que repercute de forma moi esixente no sector. Asemade, demándase un baremo de indemnización adecuado, actualizado e de aplicación homoxénea en todas as comunidades autónomas.

Comisión de traballo sobre a futura PAC

Tal e como se comprometeu a finais de xullo, sobre a futura PAC, a conselleira propuxo aos membros do Consello Agrario a inmediata posta en marcha dunha comisión de traballo no seo deste órgano para actuar coordinados na defensa do sector primario diante das negociacións para concretar o Marco Financeiro Plurianual 2028-2032.

Gómez recordou que, “tal como está inicialmente deseñada esa PAC, supón para Galicia unha considerable redución de fondos de máis do 20% con respecto á situación actual, polo que Galicia perdería 80 millóns de euros anuais por este concepto”. A maiores, a conselleira advertiu que “a nova arquitectura da PAC, baseada nun fondo único para os estados membros, non blinda todas as medidas que tradicionalmente se viñan implementando, especialmente aquelas vinculadas ao desenvolvemento rural”.

Por outra banda, a conselleira tamén avanzou cuestións en materia normativa. Desde mañá venres estará colgado no portal de transparencia da Xunta, para achegas, o texto do Decreto que regulará o Estatuto da Muller Rural. Así mesmo, animou ás organizacións representadas no Consello Agrario a realizar aportacións que enriquezan este documento, en beneficio da muller rural, tendo en conta que o obxectivo último desta iniciativa é garantir a igualdade efectiva de mulleres e homes no medio rural e no sector agrogandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información