A Xunta propón que a moratoria de novas plantacións de eucalipto se extenda ata decembro do 2025

O Goberno abre a porta á revisión da data unha vez que se teñan datos do inventario forestal de Galicia, a partir do 2022. A paralización temporal incluirase como disposición transitoria da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia

A Xunta propón que a moratoria de novas plantacións de eucalipto se extenda ata decembro do 2025

A paralización temporal das novas plantacións de eucalipto poderíase extender máis do previsto nun inicio. Se no Parlamento o conselleiro do Medio Rural, José González, falara dunha moratoria ata ter os datos do inventario forestal de Galicia, que se esperan para 2022, a Xunta baralla agora estender o bloqueo ata decembro do 2025, segundo figura nas propostas de modificación da Lei de Recuperación da Terra Agraria que elaborou o grupo popular do Parlamento.

A data do final da moratorio sería revisable, iso si, unha vez que a Xunta contase cos datos do inventario forestal de Galicia, en proceso de elaboración. A paralización impediría que superficies de monte raso, piñeirais ou masas mixtas se transformasen en plantacións de eucalipto.

A proposta do grupo popular contempla con carácter xeral só unha excepción. No caso de que se trate dun monte cun proxecto de ordenación aprobado, poderíase facer a plantación de eucaliptos se así figura no plan de ordenación. Tamén se permitiría se o plan de ordenación estivese en trámite no momento de regularse a moratoria, sempre e cando ese plan fose finalmente aprobado.

Fóra desa excepción, só se permitirán as repoboacións coa especie australiana nos actuais eucaliptais. Terá que tratarse sempre de parcelas nas que máis da metade das árbores son eucaliptos e, no caso de que haxa menos dun 80% de eucaliptos na parcela, será precisa unha autorización da Xunta para a repoboación.

Plataforma ‘Por un monte con futuro’
Por outra banda, a plataforma ‘Por un monte con futuro’ pediu en nota de prensa que a moratoria do eucalipto se acompañe de controis e inspeccións sobre o terreo, para facer efectivo o seu cumprimento. A plataforma, integrada por colectivos ecoloxistas e organizacións agrarias (Fruga, Sindicato Labrego), tamén demanda que a moratoria se plasme nunha regulación á maior brevidade posible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información