A Xunta propón medidas de apoio aos produtores de faba de Lourenzá pero non axudas directas

Publicidade

fabas para apañarO director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, vén de manter unha xuntanza de traballo co presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, José Cuadrado, para analizar a situación do sector. A Xunta propón unha serie de medidas de apoio ao sector, entre as que non inclúe unha axuda directa que permita salvar a campaña 2024 ás persoas produtoras, que veñen de padecer perdas de ata o 80% da colleita, debido á climatoloxía e as enfermidades fúnxicas.

Nesta reunión, a Consellería do Medio Rural comprometeuse a levar a cabo distintas accións promocionais orientadas a impulsar o consumo deste produto con selo de calidade diferenciada. Esta actividade complementarase favorecendo a identificación da IXP Faba de Lourenzá nos puntos de venda, para que os consumidores poidan recoñecela e distinguila doutras marcas.

Neste sentido, recolléronse tamén as demandas do sector, que reclaman unha reforma do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) neste eido. Porén, dende Medio Rural lembran que “os mecanismos de modificación do Pepac e a regulamentación básica da Unión Europea son de difícil cambio a instancias dos estados membros”.

Por outra banda, a Consellería anuncia que a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, poranse en marcha dúas liñas de traballo centradas nesta produción. En primeiro lugar, analizarase a eficacia dos actuais tratamentos fitosanitarios que emprega este sector. Afondarase tamén na procura de novos tratamentos para abordar as consecuencias que están a ter a afección dos fungos e o cambio das condicións climáticas na IXP Faba de Lourenzá. A maiores, estudarase a saída comercial da faba esmagada, que actualmente non está amparada por esta indicación xeográfica protexida.

Por último, abordouse a petición do Consello Regulador de modificar o prego de condicións técnicas de esta IXP, co obxectivo de mellorar a comercialización deste produto para que redunde nunha maior rendibilidade económica para os produtores de faba certificada.

“O máis urxente sería establecer unha liña de axuda directa”

Estas medidas propostas pola Consellería do Medio Rural recollen parte das reivindicacións dos produtores de faba da comarca da Mariña, pero non contemplan a princiapl demanda: Apoio económico para afrontar a forte caída de ingresos da campaña pasada.

“O máis urxente sería establecer unha liña de axuda directa, como parece que si que vai haber en Asturias”, explica o coordinador do Sindicato Labrego Galego na comarca da Mariña, Antonio Villarino. “É imprescindíbel que a que a Consellaría atenda á preocupación e sente co sector, pero até o dagora a conselleira está actuando como se non soubera o que pasa. As perdas nesta colleita foron gravísimas, a xente pode desistir de seguir producindo se non ve unha garantía de que por parte da Administración se tome en serio ao sector e se valoren as súas potencialidades”, engade.

Produción de faba na Mariña

Aínda que se denominan “fabas de Lourenzá”, trátase dunha produción que engloba o territorio da Mariña. De feito estímase que se produce na Galiza o 30% de toda a leguminosa que hai no Estado español, e a maioría incluso está na Mariña. A zona de produción, almacenamento e envasado da faba abarca o territorio da Mariña Luguesa -A Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental-, que engloba os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. No mercado de Lourenzá véndense arredor de 600.000 kg anuais de faba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información