A Xunta promocionará a vindeira semana en Barcelona os viños e licores galegos

Publicidade

A Xunta promocionará os viños das cinco denominacións de orixe galegas, así como as indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais, na Barcelona Wine Week que terá lugar entre os vindeiros 4 e 6 de abril. En concreto, as denominacións Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras, e as indicacións de Licor Café, Licor de Herbas, Augardente e Augardente de Herbas.

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participará o próximo luns na inauguración deste evento, onde un total de 15 empresas compartirán espazo expositivo co Goberno galego. No posto institucional da Axencia, mentres, daranse a coñecer as marcas premiadas nas Catas de Galicia de 2021.

Na Barcelona Wine Week daranse cita máis de 600 expositores, aos que se sumará un amplo programa de conferencias, catas, mesas redondas e sesións informativas. Tamén haberá oferta gastronómica, con diversas propostas de maridaxe. Así mesmo, a cita contará con compradores nacionais e internacionais e porá a disposición das marcas presentes e visitantes ferramentas estratéxicas para fomentar os contactos e as oportunidades de negocio.

Alimentaria 2022

Tamén desde o próximo luns en Barcelona, o sector estará presente ademais na feira Alimentaria, onde a Xunta promocionará e potenciará os produtos galegos con selo de calidade mediante clases maxistrais e degustacións, coa participación dos consellos reguladores e de coñecidos cociñeiros da comunidade.

Así, tanto nas catas como nas clases contarase coa maridaxe a cargo das denominacións de orixe dos viños galegos. Tamén se darán a coñecer as augardentes e licores tradicionais combinados, por exemplo, co produto da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

En total, a Xunta apoiará a presenza de medio cento de entidades galegas do mar e do agro en Alimentaria 2022, que se define como un evento internacional de referencia para os profesionais das industrias da alimentación e das bebidas, así como da restauración e da hostalaría, onde se porá de relevo a innovación e as últimas tendencias destes sectores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información