A Xunta prevé que co novo Plan Forestal Galicia duplicará a produción de madeira

A Xunta prevé que co novo Plan Forestal Galicia duplicará a produción de madeira

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves, tras a reunión do Consello, que o Plan forestal de Galicia será aprobado definitivamente entre finais de 2018 e principios de 2019. Este documento, que na actualidade se atopa en fase de información pública, vai ordenar a política forestal galega durante os vindeiros 20 anos.

“De feito, un dos obxectivos principais deste plan é multiplicar por dous a cantidade de madeira que produce Galicia nas próximas dúas décadas, pasando dos 8 millóns de metros cúbicos anuais aos 16 millóns e garantindo, evidentemente, a calidade da madeira e a sustentabilidade do monte”, salientan dende o goberno galego.  E iso preténdese facer practicamente coa mesma superficie actual, en torno a 1 millón de hectáreas. E é que un dos problemas do sector forestal da comunidade é que a porcentaxe de aproveitamento da madeira é escasa. De cada 100 toneladas de madeira que medran no monte galego, só se cortan 53, mentres que en países con importancia madeireira, como Finlandia, Suecia ou Portugal, a taxa está por riba do 80%.

Todas as medidas recollidas no plan supoñen un investimento anual de 112 millóns de euros en 2018, unha cantidade que se incrementará un 1% cada ano durante as próximas dúas décadas.

O presidente subliñou a integración do sector forestal no tecido social de Galicia, e como proba lembrou que en torno ao 98% do territorio forestal da comunidade é propiedade de 600.000 persoas e de case 3.000 comunidades veciñais en man común. Nesta mesma liña, Feijóo destacou as cifras asociadas á economía do monte: Galicia é a novena potencia forestal de Europa cun sector que supón o 1,8% do PIB galego; xera o 12% do emprego industrial ao longo da súa cadea de valor, move en torno a 2.000 millóns de euros anuais e dá emprego a unhas 70.000 persoas.

Este plan, subliñou o titular do Goberno galego, “non busca ser o Plan Forestal da Xunta, senón o Plan Forestal de todos os galegos e, por iso, buscouse constantemente o consenso co sector ao longo de todo o proceso de elaboración do documento”. A continuación, Feijóo referiuse aos principais contidos do plan, que, tal e como explicou, será revisado cada cinco anos unha vez sexa aprobado definitivamente co obxectivo de incorporar, no caso de que sexa preciso, novas tendencias e sensibilidades.

Entre os principais obxectivos do plan atópanse os seguintes. En primeiro lugar, asignar á produción sustentable de madeira o 52% do territorio forestal galego: un total de 1.060.000 hectáreas, o que supón 80.000 máis que na actualidade. E, en segundo lugar, fomentar a produción de madeira de calidade co obxectivo de xerar valor engadido; manter o liderado na produción de castañas e mel; conservar unha paisaxe que siga sendo atractiva e claramente identificable con Galicia; e respectar e poñer en valor a nosa biodiversidade.

Interrogantes

Sen embargo, ao ser o monte en Galicia maioritariamente de carácter privado ou veciñal ábrense interrogantes sobre as medidas concretas que se van adoptar por parte da Xunta para acadar os obxectivos que se marca o novo Plan Forestal.

Por exemplo, nos últimos anos, o piñeiro, en lugar de aumentar superficie, está a perder superficie en favor do eucalipto nitens, segundo a percepción do sector, e gran parte das masas que hai, especialmente na provincia de Ourense, están abandonadas.

Tamén queda por aclarar o borrador de decreto polo que a Xunta proxectaba limitar a plantación de eucalipto en 19 concellos do centro-sur de Lugo e na provincia de Ourense. Igualmente, stá aínda sen concretar o futuro dos montes veciñais conveniados coa Administración. Medio Rural proxecta cancelar tódolos convenios nos próximos anos e ofrecer a sinatura dun novo contrato de xestión, que aínda non presentou.

En definitiva, o Plan Forestal presenta uns obxectivos claros, pero queda por definir a folla de ruta, que probablemente se plasmará en parte a través dos Plans de Ordenación de Recursos Forestais (PORF) cos que se quere dotar a cada Distrito Forestal. A idea é que estean todos os PORF funcionando nun prazo de dez anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información