O Plan Forestal de Galicia 2021-2040 aspira a que o aproveitamento agrario cobre peso no monte. O documento, que será aprobado previsiblemente no Consello da Xunta este primeiro semestre do 2021, fala de aumentar a superficie de pastos e forraxes en terreos forestais ata en 225.000 hectáreas.
O aproveitamento agrario do monte xeraría un dobre beneficio. Dun lado, as ganderías aumentarían a súa base territorial para pastos e forraxes. Doutro, os usos agrogandeiros contribuirían a reducir o risco dos incendios forestais.
Medio Rural proxecta fomentar no monte unha paisaxe mosaico, na que as zonas de pasto ocupen espacios desarborados entre o arborado, de xeito que haxa discontinuidades no combustible forestal, -sen mato e sen arborado-, que axuden a frear posibles incendios.
Unha segunda liña de traballo centrarase na creación de áreas de aproveitamento silvopastoril, onde o gando paste en montes arborados aclarados ou en superficies non arboradas mediante o pasto extensivo, axudando á protección dos terreos forestais.
Como exemplo dunha posible actuación, Medio Rural apunta o interese de fomentar a actividade produtiva de madeira a baixas densidades, en particular de chopos resistentes a solos ácidos en zonas orientais de Galicia, compatibilizando este uso co aproveitamento silvopastoril.
Rexistro de terreos forestais en pastoreo
As terras de monte que se adiquen a pasto deberán inscribirse no rexistro de terras forestais en pastoreo, un rexistro que na actualidade ten pouco máis de 4.000 hectáreas inscritas, aínda que lóxicamente a cifra real de superficie de montes con uso agrario sexa maior.
A Xunta sinala no Plan Forestal que os pastizais en monte deberán figurar tamén nos correspondentes instrumentos de xestión forestal. No caso das comunidades de montes veciñais, ademais, esixirase un documento de asignación dos lotes de terras de pasto. En terras particulares, pedirase no seu lugar un contrato de arrendamento.
Os obxectivos da Xunta para aumentar o uso agrario do monte son ben recibidos polo sector agrario, se ben tamén hai incredulidade sobre as superficies que proxecta adicar a Xunta a usos agrarios, toda vez que nos últimos anos as actuacións anuais para crear pastizais no monte son mínimas, cun presuposto reducido.