A Xunta pretende recuperar os viveiros públicos con fins produtivos e divulgativos

Investirá un millón de euros até 2027 nas instalacións de Santa Cruz (Oleiros), A Falmega (Oroso), San Breixo (Guitiriz), Os Trollos (Bóveda) e A Chaira (Pereiro de Aguiar)

Visita de José Luis Chan ao viveiro de Os Trollos, en Bóveda, o pasado 11 de xaneiro

Visita de José Luis Chan ao viveiro de Os Trollos, en Bóveda, o pasado 11 de xaneiro

A finais do ano 2021, o Consello da Xunta aprobaba a primeira revisión do Plan Forestal de Galicia. Un dos obxectos enmarcados nese documento de planificación do sector forestal até 2040 é o desenvolvemento de distintas actuacións nas instalacións dos viveiros públicos da comunidade co obxecto de adaptalos ás necesidades actuais e preservalos como lugares axeitados para proxectar o traballo realizado en materia de conservación e mellora xenética forestal  a través dunha rede de parcelas de alto valor xenético repartidas pola comunidade.

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, explicou este venres na Comisión de Agricultura do Parlamento galego que a Xunta proxecta investir 200.000 euros ao ano ata 2027 nos distintos viveiros públicos para recuperar a súa capacidade produtiva e  reconvertelos con fins divulgativos.

O rexurdimento dos viveiros públicos proponse como complemento e non como competencia aos viveiros privados

“Estes viveiros públicos son instalacións que veñen de hai moito tempo, algúns proceden dos anos 50, cando se dedicaban a producir planta para as repoboacións. Pero a medida que o sector privado foi desenvolvendo a capacidade de producir planta, esta actividade dos viveiros públicos foi decaendo para non supoñer competencia aos viveiros privados”, explicou.

“Agora queremos recuperar a actividade destes viveiros, adaptando as instalación ás necesidades actuais, pero sendo sempre respectuosos coa actividade dos viveiros privados. A intención é a conservación in situ dos materiais xenéticos e cando estean plenamente operativos queremos engadirlles unha función divulgativa”, indicou.

Divulgar o proceso da produción de semente e a repoboación no monte

“Até o momento puxemos en marcha tres viveiros, en Oroso, Oleiros e Guitiriz. Levamos investido medio millón de euros e a idea e acadar en 2027 o millón de euros, a un ritmo de 200.000 euros anuais. Este ano vaise arranxar un edificio singular que hai en San Breixo (Guitiriz) cun investimento de 70.000 euros, e levaranse a cabo actuacións de rodalización e silvicultura nos Trollos (Bóveda)”, detallou José Luis Chan.

No ano 2027 pecharase esta recuperación dos viveiros de titularidade autonómica que a Xunta inscribe nun proxecto máis amplo. “Non é unha actuación illada, senón que compón un tres pés formado polo noso centro de produción de semente no sequeiro de Carballo, os viveiros públicos e os montes xestionados pola Administración Galega, permitindo conservar deste xeito o acervo xenético forestal de múltiples especies”, defendeu.

A intención da Xunta é que estes tres elementos poidan ser visitables. “Esperamos en 1 ou 2 anos comezar a facer labor divulgativa e de formación, con roteiros autoguiados e poder ofrecerlle actividades educativas e divulgativas aos colexios para que os máis pequenos participen en actividades de plantación de sementes e árbores”, indicou.

Produción testemuñal de planta

A Xunta non quere que a recuperación dos viveiros de titularidade autonómica supoña competencia algunha para os viveiros forestais privados que existen en Galicia, polo que a produción de planta nos viveiros públicos será “testemuñal”, en palabras do director xeral.

A produción de planta estará unicamente dirixida a cubrir as necesidades de reforestación en montes xestionados pola Administración galega e outras repoboacións públicas efectuadas por exemplo nas faixas cortalumes arredor dos núcleos de poboación ou doazóns para plantacións simbólicas como as realizadas con motivo do Día da árbore.

Produciránse entre 17.000 e 20.000 plantas de frondosas autóctonas ao ano e establecéronse rodais de piñeiro radiata

Outra das funcións sería tamén a de subministrar material ao Sequeiro de Carballo para a produción de semente, así como aos distintos viveiros privados que a soliciten. “Leváronse a cabo instalacións de hortos de sementes afondando na coordinación co centro de produción de sementes que temos en Carballo para a conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais e a reprodución de sementes de especial interese”, indicou.

O viveiro de Bóveda dirixirase a masas de frondosas, cunha produción anual obxectivo de entre 17.000 e 20.000 plantas. As especies producidas centraranse no carballo, cerdeira, rebolo, bidueiro, freixo, acebo, pradairo, faia ou aliso.

Nas parcelas das que dispoñen os distintos viveiros públicos establecéronse tamén rodais de pino radiata de alta calidade que producirán material para semente. Mediante unha rede de parcelas de alto valor xenético e xestión de materiais de base que preténdese asegurar a calidade do material forestal xenético subministrado, fixando como indicador a creación dun total de 20 parcelas no período 2021-2025.

Obxectivos específicos para cada centro

José Luis Chan detallou na Comisión de Agricultura do Parlamento as funcións específicas que teñen reservadas para cada un dos viveiros públicos, cunha especialización en función da súa ubicación ou o tipo de especies que albergan:  

  • Bóveda (Os Trollos): formado por 30 hectáreas de superficie entre as que se encontra un importante arboreto que ten máis de 80 especies, froito dunha actividade de máis de 70 anos de traballo no centro. “É unha referencia polas especies que ten”, destacou José Luis Chan, que defendeu que “debería ser un centro de referencia para a xestión de masas de frondosas, así como para desenvolver protocolos na loita contra pragas e doenzas”. A maiores, e estableceuse un horto sementeira de pino pinaster, réplica doutro existente en Soria. “É unha especie que se adapta ben ao interior de Galicia”, dixo.
  • Oleiros (Santa Cruz): superficie total 6 ha, das que 4,5 son hectáreas de cultivo, con variedades galegas de castiñeiro, pradairo e cerdeira (5 clons desenvolvidos en Lourizán), así como unha parcela de ensaio de freixo e outra de alto valor xenético de carballo. “Imos instalar outro campo in vitro de bidueiro procedente de Lourizán e o viveiro limita cun regato, polo que se fará unha representación do bosque de ribeira, do bosque atlántico e do bosque mediterráneo”, adiantou.
  • Oroso (A Falmega): ten case 16 hectáreas, das que arredor de 14 están destinadas a cultivo. Sobresaen os clons de castiñeiro para poder subministrar aos viveiros privados, e tamén a súa colección de chopo e cerdeira. Produce planta para a zona máis próxima á costa. “Investiuse na creación de 2 invernadoiros para poder endurecer a planta durante 1 ou 2 anos e instalouse un horto sementeiro de pino radiata, que esperamos que en 2-3 anos empece a producir piñas e sementes a viveiros privados de Galicia”, explicou.
  • Guitiriz (no monte veciñal de San Breixo). En 2019 renovouse o acordo coa Comunidade de Montes por 30 anos. Dispón de 19 hectáreas de castiñeiro e pseudotsuga. Produce planta para a zona interior.
  • Pereiro de Aguiar (A Chaira): composto por 11 ha. Ten campos de castiñeiro. A súa ubicación permite utilizalo para produción de planta de clima mediterráneo. “Interésanos ter unha instalación que se adique a esas plantas”, destacou José Luis Chan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información