A Xunta presenta o novo selo de calidade “Artesanía Alimentaria” que porá en valor os produtos do agro

A Xunta presenta o novo selo de calidade “Artesanía Alimentaria” que porá en valor os produtos do agro

“Unha norma necesaria e útil, que beneficia ás artesás e artesáns, pero tamén aos consumidores”. Así colicua o conselleiro do Medio Rural, José González, o decreto da Xunta que regula a artesanía alimentaria en Galicia. Fíxoo no acto de presentación deste texto ao sector e á sociedade galega en xeral, cando se veñen de cumprir algo máis de dous meses da súa entrada en vigor. O conselleiro estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos.

No acto debulláronse, por parte da Agacal, os requisitos e os pasos necesarios para obter o selo de Artesanía Alimentaria e falouse tamén de como promovelo entre os operadores galegos. Así mesmo, celebrouse unha mesa redonda na que estiveron representados diversos operadores de referencia, para falar da preservación da tradición alimentaria. Así, participaron nela Carlos Brea, de Cervexa Toupiña, obradoiro de cervexa; Alberto Rodríguez, da Pastelería Estilo, obradoiro de confeitaría e Brígida Hermida, de Xearte Brigitte, obradoiro de xeados.

Na súa intervención neste acto, o titular de Medio Rural defendeu a oportunidade desta regulación, porque -segundo explicou- “era preciso establecer o marco de referencia onde se atopen os principios que permitan chamar a algo artesán”. “Todo isto, -sinalou- a partir do respecto á gran tradición existente en Galicia en canto á elaboración de produtos alimentarios artesanais, tanto da terra como do mar, e temos que apostar pola nosa tradición alimentaria e pola súa protección fronte á estandarización derivada das formas modernas de produción”.

Principais obxectivos

En canto aos principais obxectivos do decreto, o conselleiro trasladou que son os de prestar un “apoio decidido e activo” por parte da Xunta ao produtor pequeno e artesanal, por medio dun distintivo propio e único, e apostar pola revitalización da actividade económica no rural para, en definitiva, “xerar riqueza e emprego, e frear o despoboamento”, reafirmou.

Trátase, sinalou González, de impulsar os valores económicos, culturais e sociais que a artesanía representa para Galicia, e dentro deles o valor engadido que aporta a calidade, neste caso vinculada á marca Galicia Calidade. Esta aposta tamén pasa por preservar e estimular o establecemento de empresas artesanais alimentarias, aquelas que elaboran o mellor produto posible do xeito “máis enxebre, máis senlleiro e tradicional”, engadiu.

Condicións

Neste contexto, o conselleiro definiu o decreto como “o instrumento polo cal se define claramente o que se considera artesanía alimentaria, e establece as condicións necesarias para acadar esta distinción”. Ademais, salientou que a norma contempla a realidade que hai a día de hoxe respecto aos produtos artesáns, e define dous tipos. Por un lado, os produtos “caseiros ou da casa”, que serían os que proceden de explotacións agrogandeiras que transforman a súa materia prima en circuítos curtos de comercialización. Por outra parte, os produtos artesáns “de montaña”, para aqueles procedentes de empresas radicadas en zonas específicas cualificadas como tales pola Unión Europea.

Por último, José González vinculou esta norma coa “filosofía sostible da Galicia Verde” e reafirmou a aposta da Xunta pola singularidade e por poñer en valor o “natural”, entendido como “a verdadeira calidade”. Rematou a súa intervención reiterando a aposta da Administración autonómica “pola arte, polo san e, por suposto, polo galego”. En definitiva, “pola artesanía alimentaria de Galicia”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información