A Xunta presenta o novo Observatorio de Prezos do Sector Primario

Na reunión do Consello Agrario tamén se trataron tres proxectos de decreto: o Estatuto das mulleres do rural, o que regulará o rexistro de entidades colaboradoras na formación agraria e o que abordará o rexistro de entidades de control e certificación dos produtos alimenticios

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pA conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presidiu hoxe unha nova sesión do Consello Agrario na que se aproveitou para presentar o novo Observatorio de Prezos do sector primario. A titular deste departamento, que estivo acompañada por varios altos cargos da Consellería, lembrou que a posta en marcha desta iniciativa forma parte do decálogo de accións impulsado polo Goberno galego para defender aos gandeiros e agricultores de Galicia ante as implicacións do tratado comercial entre a Unión Europea e Mercosur e do documento conxunto asinado con Asaga e Unións Agrarias sobre esta cuestión.

O observatorio permitirá facer un seguimento continuo dos prezos de diferentes produtos, tanto gandeiros, agrícolas como dos propios animais, co obxectivo último de para poder detectar as alteracións máis destacables e protexer aos produtores. Esta iniciativa diferenciará entre prezos semanais e mensuais en todos aqueles produtos con información rexistrada nos mercados. Tal e como se avanzou hoxe no Consello, estará dispoñible para consulta na web da Consellería do Medio Rural nas próximas semanas.

Estratexia de prevención do desperdicio alimentario

Neste pleno do Consello Agrario abordouse tamén a futura Estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario en Galicia que está a impulsar a Consellería do Medio Rural. Segundo sinalou Gómez, esta iniciativa conta cun marcado carácter social e pon de relevo unha cuestión que implica a toda a sociedade e que debe situarse no centro do debate público.

A Estratexia incluirá un amplo abano de medidas que se irán desenvolvendo a curto, medio e longo prazo. Entre elas está a posta a disposición dos produtores dunha plataforma web na cal poderán poñer á venda aqueles excedentes ou produtos “imperfectos” que non conseguiron vender nas canles habituais por non cumprir os estándares de forma, tamaño ou cor, pero que se atopan en bo estado, para que poidan ser adquiridos por comedores colectivos.

Tamén se creará un Manifesto contra o desperdicio alimentario ao que poderán adherirse empresas, que contarán cun selo de garantía que acreditará a súa adhesión e compromiso. Para poñer en valor aínda máis o seu compromiso, farase unha distinción anual en liña coa conmemoración anual do Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos, que se celebra cada 29 de setembro.

A conselleira incidiu en que, no marco desta Estratexia, tamén se realizarán enquisas en colaboración coa Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático e o Instituto Galego de Estatística para diagnosticar a dimensión do desperdicio alimentario en Galicia en ámbitos como o sector primario, os fogares ou a industria alimentaria, entre outros. A maiores, levaranse a cabo campañas de sensibilización e redactaranse guías e documentos de boas prácticas a nivel sectorial. Tamén se desenvolverá unha iniciativa de elaboración de receitas de aproveitamento coa colaboración de restaurantes con cociñeiros de prestixio.

Estatuto das mulleres do rural de Galicia

Outro dos puntos do día a tratar na sesión de hoxe foi o proxecto de decreto do Estatuto das mulleres do rural de Galicia, no que se recoñece o papel fundamental das mulleres rurais como transmisoras de patrimonio cultural inmaterial, da lingua galega, dos saberes tradicionais e das prácticas comunitarias que sosteñen a cohesión social e a identidade social.

Rexistros de entidades colaboradoras na formación e na certificación de produtos

Por último, abordáronse outros dous proxectos de decreto. Por unha banda, o que regulará o funcionamento e rexistro das entidades colaboradoras en materia de formación agraria; e por outro lado, o que regulará o rexistro de entidades de control e certificación dos produtos alimenticios de Galicia.

A primeira destas normas ten como obxectivo unificar e harmonizar a lexislación sobre a participación das entidades colaboradoras da Xunta nesta materia. Trátase tamén de simplificar os trámites para estas entidades e para a propia Administración, co fin último de mellorar na formación que se ofrece aos profesionais do agro galego. Este novo decreto permitirá integrar nun marco único catro áreas de formación non regrada fundamentais para o eido agrario: a incorporación á actividade agraria, o benestar animal, a aplicación e manipulación de fitosanitarios e outras accións formativas en materia agraria. En todas elas, as entidades colaboradoras deben estar rexistradas e autorizadas e a Administración asumirá, como ata agora, funcións de recoñecemento, homologación, seguimento e expedición de acreditacións.

En relación co rexistro de entidades de control e certificación dos produtos alimenticios de Galicia, o seu obxectivo é regular o contido da estrutura e procedemento de inscrición no mesmo, co fin de que esa ferramenta contribúa a facilitar e simplificar a actuación desas entidades, ao mesmo tempo que permita ter un coñecemento exacto da existencia, funcións e implantación destas entidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información