O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Alfredo Fernández Ríos, avanzou que a Xunta está a preparar unha nova convocatoria de axudas centradas na valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais, que porá o foco na dixitalización e na mellora da seguridade e saúde laboral, tanto no sector forestal como no contract.
Durante a clausura da Asemblea Xeral Ordinaria de LugoMadera, Fernández Ríos subliñou que, con achegas das principais asociacións do sector, a iniciativa incluirá un reforzo do apoio aos investimentos no subsector do serradoiro.
O director da XERA indicou que este ano xa se convocaron as axudas para tecnoloxías forestais, procesamento e comercialización de produtos en madeira, ás que se presentaron 117 solicitudes por un importe total de 13,3 millóns de euros e cuns investimentos de case 35 millóns de euros.
Fixo ademais balance das axudas de XERA e resaltou que na provincia de Lugo foron beneficiarias 299 empresas que recibiron unha axuda total de máis de 26,77 millóns de euros. Foi a que maior importe de axudas recibiu e a segunda en número de empresas beneficiarias, o que “dá unha mostra do peso do sector na provincia”, como indicou.
A superficie forestal arborada en Lugo representa case o 35 % do total galego, cun volume de cortas en 2024 de 3,3 millóns de metros cúbicos, máis dun terzo dos aproveitamentos da madeira en Galicia.
Fernández Ríos puxo de relevo que a madeira é un dos principais sectores industriais galegos, situándose entre os sete primeiros por cifra de negocio, con presenza no 95 % dos concellos. No 2023, os rematantes venderon madeira por 423 millóns e o serradoiro facturou 365 millóns.
Galego










Control OJD