A Xunta poxará 31 lotes de madeira na provincia de Pontevedra

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da poxa que terá lugar o vindeiro 17 de xaneiro. Os licitadores poderán realizar os trámites por vía telemática a través dunha plataforma dixital habilitada para tal fin ou pola web da Xunta

madeira pinheiroO Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria dun alleamento de madeiras en Pontevedra, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, nunha poxa pública electrónica que terá lugar na Delegación Territorial da Xunta na provincia, no que se adxudicarán 29 lotes cun valor total de 604.952,09 euros.

Respecto da certificación da xestión forestal sostible, 21 lotes contan con certificación PEFC e 5 dispoñen da dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas máis implantados no mundo. Estes selos aseguran que a xestión dos bosques de onde procede a madeira é respectuosa co medio ambiente, mentres cumpre con outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.

Os lotes, que pertencen maioritariamente a comunidades de montes veciñais en man común que teñen convenios ou consorcios coa Consellería do Medio Rural, suman preto de 29.000 metros cúbicos de madeira que será vendida baixo as modalidades de alleamento a risco e ventura e a resultas de liquidación final. As empresas que opten aos lotes deben ter un certificado de cadea de custodia que garanta a trazabilidade da madeira.

Ao igual que en poxas electrónicas anteriores, os licitadores realizarán os trámites de forma telemática, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Para seguir todo o proceso, disporán dunha sala virtual creada para tal fin.

Plataforma de consulta

Os interesados en poxar por algún destes lotes dispoñen dunha plataforma desenvolvida pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para consultalos e obter información sobre as súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio. Ademais, este espazo tamén permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos ou descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles, para localizar facilmente as superficies arboradas obxecto de poxas públicas.

Por outra banda, os licitadores terán que presentar as súas ofertas económicas a través da sede electrónica da Xunta, apoiándose nun videotitorial elaborado para axudar nesta situación.

Enlace á publicación do DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241128/AnuncioG0426-081124-0001_gl.html.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información