A Xunta pón á venda 30 lotes de madeira na provincia de Ourense

Trátase de madeira de piñeiro silvestre e do país procedente de montes veciñais en man común conveniados coa Administración galega

madeira piñeiroDiario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se fai pública a convocatoria mediante procedemento aberto con criterio único para un alleamento de madeiras na provincia de Ourense. En concreto, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicaranse 30 lotes de madeira por un importe de preto de 1,1 millóns de euros nunha próxima poxa pública electrónica.

Todos os lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería. Un total de 24 deles establécense como a risco e ventura, sumando 36.231 metros cúbicos de madeira; mentres a outra media ducia son a resultas, cunha estimación de 7.750 toneladas.

Como no caso das poxas electrónicas de madeira celebradas anteriormente, os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexe poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.

A poxa será en liña e os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático

O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida pola Consellería do Medio Rural que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse neste enlace

Madeira certificada

A maiores, cómpre resaltar que 14 dos 30 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e 10 con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispor tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira. Cabe apuntar que a certificación forestal sostible garante ao máximo nivel que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.

No conxunto de lotes, domina o piñeiro do país e o piñeiro silvestre, aos que hai que engadir cantidades menores doutras especies. En total, supoñen unha absorción de CO² de 26.615 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores e que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información