A Xunta pídelle ao Ministerio de Agricultura que amplíe ata o 31 de maio o prazo para solicitar a PAC

ganderia Cuinha SC (Lugo) paisaxe rural PAC parcelariaTras a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) este pasado luns da Orde da Consellería do Medio Rural pola que se ampliou o prazo de solicitude das axudas da PAC ata o vindeiro día 15 de maio, a Consellería do Medio Rural volveu instar hoxe ao Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), adscrito ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a que permita a presentación de solicitudes ata o 31 de maio. Este prazo coincidiría co remate do período de modificación de solicitudes, mediante a supresión da penalización do 1% por cada día hábil en que se supere a data de finalización do prazo de presentación.

O Real Decreto 1048/2022, establece a posibilidade de que as comunidades autónomas poidan ampliar o prazo de presentación da solicitude única da PAC como moi tarde ata 15 de maio, e así o fixo Galicia. Así mesmo, faculta ao FEGA a acordar a supresión da redución do importe das axudas por cada día hábil en que se supere a data do prazo para presentar as solicitudes únicas da PAC.

Neste sentido, o pasado 10 de abril, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) xa comunicara a intención de Galicia de estender o prazo ata o 15 de maio e naquel momento xa instaba ao FEGA a retirar a penalización por presentación tardía, ata o 31 de maio. Na reunión celebrada hoxe co FEGA, Galicia reiterou a súa demanda de quitar dita penalización, de maneira que os solicitantes da PAC teñan ata o último día de maio para presentar as súas solicitudes. Trátase dunha petición xeral por parte da maioría das comunidades autónomas.

A Orde de axudas da PAC en Galicia publicouse o pasado 5 de marzo no DOG. A partir do día seguinte, as entidades tramitadoras de solicitudes comezaron a rexistrar as case 24.000 solicitudes únicas de axudas da PAC que se esperan este ano dos agricultores e agricultoras galegas. A dotación das axudas para esta campaña será de preto de 224 millóns de euros, en total.

En canto ás razóns da Xunta para solicitar esta ampliación apuntan que “como queira que o proceso de tramitación da PAC vólvese cada vez máis complexo, xunto coas complicacións climáticas que causan que os produtores non teñan a certeza de se poderán implantar un cultivo de primavera e máis diversas incidencias na aplicación informática de captura; así como as consecuencias derivadas do apagamento enerxético deste luns; deriva nun certo retraso na gravación destas solicitudes en toda España”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información