A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo alcalde da Pastoriza, Darío Cabaneiro, visitou esta mañá unha explotación de gando vacún desta localidade e que forma parte da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega, motivo polo que recibiu as achegas convocadas por primeira vez neste 2024 para apoiar aos produtores amparados por este selo de calidade diferenciada ás que se destinaron case 12 millóns de euros e se pagaron na súa totalidade con fondos propios da Xunta.
A explotación de David Pérez, na que produce carnes baixo o distintivo de Ternera Gallega Suprema, conta con máis de medio centro de animais e é unha das 4.578 beneficiadas das achegas convocadas pola Xunta. O obxectivo destas axudas é o de contribuír a paliar os sobrecustos que supoñen este tipo de producións.
A titular do Medio Rural destacou a importancia de apoiar aos seus produtores para seguir mantendo os niveis de excelencia acadados tanto en Ternera Gallega como en Ternera Gallega Suprema. Por iso, afirmou nesta visita que se demandará ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que estas axudas poidan ir ligadas á Política Agraria Común e así implementalas dun xeito xeralizado para continuar apoiando este eido produtivo.