A Xunta pide que os concellos limpen as fincas para evitar a proliferación do xabarín

A Xunta pide que os concellos limpen as fincas para evitar a proliferación do xabarín

Belén do Campo durante a reunión coa Asociación Galega de Gardas Rurais

A Xunta de Galicia remitirá novamente unha carta á Federación Galega de Municipios e Provincias para que traslade aos concellos galegos a necesidade de limpar as fincas co fin de evitar o encame do xabaril. Este foi un dos compromisos adquiridos pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, con membros da Asociación Galega de Gardas Rurais, cos que mantivo unha reunión de traballo para escoitar as súas experiencias e iniciativas en relación coa xestión desta especie cinexética.

Do Campo explicou que en novembro xa se remitiu un escrito no que se informaba da importancia de limpar as parcelas, sobre todo en zonas urbanas e periurbanas, para que non sexan utilizadas polos xabarís como zonas de encame; “xa que as fincas con maleza incontrolada son idóneas para a cría e asentamento das camadas”, recordou a directora xeral. Indicou que “en moitas ocasións estas zonas de maleza están próximas a áreas de produción agrícola; polo que é preciso realizar ditos traballos agora que é a época de sementeira”.

Durante a reunión, tamén se abordaron as iniciativas propostas pola asociación relativas ao control desta especie cinexética, que pola súa experiencia e contacto co medio rural, poidan servir como solución para paliar certos danos que provocan os xabarís.

Problemas cos pastores eléctricos

A modo de exemplo, citaron a colocación de pastores eléctricos en zonas de cultivo. Argumentaron a necesidade de impulsar unha campaña sobre a correcta colocación dos mesmos, así como a potencia que empregar, xa que en ocasións son ineficaces por unha mala ubicación, por non limpar os perímetros e por non ter a potencia axeitada.

Outro dos temas analizados foron os plans cinexéticos. Dende a Asociación Galega de Gardas Rurais solicitan que se revisen os plan cinexéticos quincenais, para que estes sexan reais e se cumpran os cupos de captura establecidos. A directora xeral indicoulles que o departamento que dirixe analizará a súa petición co fin de axustar ditos programas e facelos efectivos.

Por último, Belén do Campo tamén lles trasladou as iniciativas postas en marcha pola Consellería, como a futura norma autonómica para o subministro e comercialización da carne de caza maior abatida en Galicia, cuxo proxecto de decreto xa foi publicado no portal de transparencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información