A Xunta pide ao Goberno Central que tamén destine axudas ás ganderías de vacún de carne

A Xunta pide ao Goberno Central que tamén destine axudas ás ganderías de vacún de carne

A Xunta demanda ao Goberno Central que dea prioridade ao sector gandeiro de carne, e dentro del especialmente ao vacún, no reparto dos case 194 millóns de euros que están pendentes de asignar e que corresponden ás axudas para “sectores agrarios e gandeiros” do seu Plan de choque. Así llo trasladou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), Luis Planas, durante o Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, no que González participou por videoconferencia. Esta demanda de Galicia foi secundada polas demais comunidades da Cornixa cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco).

Neste sentido, o conselleiro reclamou que se teñan en conta as características do vacún de carne galego, que está formado por pequenas e medianas explotacións en extensivo, con base territorial e que conta cunha indicación xeográfica protexida (IXP) de referencia a nivel nacional, como é Ternera Gallega. En todo caso, dende o Ministerio lembran que as Comunidades Autónomas poden establecer as súas propias liñas de axudas.

Por outra parte, o conselleiro demandou ademais que o MAPA faga partícipes ás comunidades autónomas do proceso para definir as achegas pendentes de repartir e lembrou as diferentes medidas nas que está traballando a Xunta de Galicia para facer fronte a esta situación de crise. Entre elas, e precisamente relacionada co vacún de carne, González salientou o acordo dentro da cadea de valor, coordinado polo Executivo galego, para frear a venda a perdas neste eido produtivo. Trátase, en definitiva, de que se faga cumprir a Lei da cadea alimentaria.

Outras iniciativas

Asemade, o titular de Medio Rural puxo en valor outras iniciativas da Xunta, como o anuncio dunha inxección de liquidez pola vía do financiamento de circulante e do anticipo de axudas, especialmente os 200 millóns de euros da PAC, ou a reclamación ao Banco de España para que autorizase ás entidades financeiras a concesión dunha moratoria dun ano no pago das amortizacións dos préstamos a longo prazo que teñen vivos no sector agroalimentario.

A maiores, nesta mesma liña de apoio ao sector, José González lembrou o compromiso da Xunta de crear o Observatorio da cadea alimentaria galega, como organismo emisor de informes sobre a situación económica do sector primario da nosa comunidade. Tamén, de poñer en marcha a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia para dar cumprimento ás obrigas da Lei da cadea alimentaria, singularmente a prohibición da venda a perdas, así como do Observatorio lácteo, onde se escenificará a relación entre os elos desta cadea de valor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información