A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participou hoxe na presentación do proxecto europeo Interreg Sudoe USE4FOREST, no que participan entidades e administracións de varias comunidades autónomas e dos países do suroeste europeo: España, Francia e Portugal. O obxectivo deste proxecto é abordar solucións comúns na prevención de incendios forestais que afectan a estes países.
Durante a súa intervención, a titular de Medio Rural puxo de relevo este tipo de iniciativas que “promoven a cooperación ante retos comúns como son os incendios forestais” e definiuno como unha “oportunidade beneficiosa e enriquecedora que contribúe ao intercambio de sabedoría entre distintos países con problemáticas comúns, co fin de poder abordalas xuntos”.
Avanzou que grazas a este proxecto, centrado no deseño dunha estratexia para a prevención de incendios no territorio Sudoe mediante a mellora dos espazos forestais, poderase afondar en variables específicas que condicionan o comportamento dos lumes nesta zona. Ademais, María José Gómez sinalou que a iniciativa “abrirá unha nova porta” para a testeo de solucións innovadoras do uso do espazo forestal, baixo o obxectivo de mellorar a súa resiliencia ante os lumes.
USE4FOREST pon tamén o foco sobre os habitantes das zonas afectadas polos lumes e aposta pola pedagoxía, a sensibilización e a concienciación da cidadanía “que xoga un papel fundamental na prevención e loita contra o lume”, sinalou a conselleira.
Interreg Sudoe USE4FOREST
O proxecto USE4FOREST aglutina a diversas entidades e administracións de España, Francia e Portugal, co fin de afondarán nunha estratexia para a prevención de incendios no territorio Sudoe mediante a mellora dos espazos forestais. O proxecto estará vixente ata decembro de 2026 e conta cun investimento total de case tres millóns de euros.
Con respecto ás entidades españolas que participan no proxecto, aparte da Consellería do Medio Rural, están a Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo; a Deputación de Ourense; a Junta de Castilla y León; a Hazi Fundazioa; a Fundación Tecnalia Research & Innovation e o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.
Colaboran tamén o Ministério da Administraçaõ Interna Autoridade Nacional de Emergência e Proteção Civil; Comunidade Intermunicipal das Terras de Trás-os-Montes; o Instituto Politécnico de Bragança Centro de Investigação de Montanha de Portugal, así como o Centre Régional de la Propriété Forestière Nouvelle-Aquitaine; o Département de l’Aude DGA Solidarités territoriales Mission Europe; o Syndicat Mixte du Pays Sud Charente e o Syndicat Mixte d’amenagement et de gestion du PNR Corbières- Fenouillèdes de Francia.