A Xunta organiza varias xornadas técnicas de horta nas principais zonas produtoras de Galicia

Este xoves e venres serán en Vilanova de Arousa, a vindeira semana na Laracha e a finais de mes en Mondoñedo. O obxectivo é dar a coñecer as posibilidades existentes para comercializar produtos agroalimentarios vinculados ao territorio e formar no xeito de producir no marco da calidade diferenciada

Publicidade

Horta-Minho-A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, está a organizar varias xornadas técnicas de horta nas principais zonas deste tipo de produción en Galicia, co obxectivo de dar a coñecer as posibilidades existentes para comercializar produtos agroalimentarios, así como o xeito de producir no marco da calidade diferenciada.

En concreto, a semana pasada leváronse a cabo xa as primeiras accións no concello pontevedrés do Rosal e no coruñés de Padrón. As seguintes están previstas esta semana na localidade pontevedresa de Vilanova de Arousa (os 11 e 12 de novembro), a seguinte na coruñesa da Laracha (os días 18 e 19) e, por último, na lucense de Mondoñedo (os 22 e 25 deste mes).

Deste xeito, búscase concienciar aos participantes na importancia da calidade á hora de comercializar os produtos de horta en Galicia, dar a coñecer a situación das principais producións hortícolas que se distribúen na nosa comunidade e tamén como están organizadas as canles de comercialización deste tipo de produtos.

Coñeceranse outras experiencias de certificación das producións de horta a nivel de España e abordaranse aspectos técnicos de produción relacionados coa saúde dos solos e o control das pragas

Así mesmo, tamén é relevante coñecer outras experiencias de certificación das producións de horta a nivel de España, sabendo como naceron e os principais fitos na súa consolidación, que instrumentos normativos dispoñen para promover a calidade diferenciada de horta e cal é o impacto dos selos de calidade diferenciada de horta nos mercados.

Estas xornadas compleméntanse con aspectos máis técnicos relacionados coa saúde dos solos, co emprego sustentable de produtos fitosanitarios ou co control das pragas e enfermidades que afectan ás producións hortícolas.

Todas as persoas interesadas en participar poderán anotarse no curso cubrindo a correspondente solicitude, que poderán atopar no seguinte enlace. Deberá remitirse cuberta ao correo electrónico formacion.agacal@xunta.gal e tamén poderá solicitarse calquera información adicional chamando aos números de teléfono 619486014 ou 627570950.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información