A Xunta organiza o I Congreso Internacional de Innovación “Spin Rural”

O programa do evento -que ten un aforo limitado- abrangue charlas, mesas redondas, encontros de negocio e conversas entre expertos na materia, así como degustacións comentadas de produtos galegos de calidade diferenciada e outras citas lúdicas

A Xunta organiza a próxima semana o I Congreso Internacional de Innovación “Spin Rural-Visionarios da terra”, que estará centrado na innovación no agro galego, en todas as súas vertentes, dende a agroalimentaria ata a forestal, pasando pola vinculada á gandaría ou ao emprendemento, entre outras referencias. Esta iniciativa desenvolverase entre o mércores 4 e o venres 6 no pazo de Xerlís (A Estrada). Toda a información ao respecto pode consultarse na seguinte web: https://www.spinrural.com/home-ga.html

O programa do Spin Rural, que ten un aforo limitado, abrangue charlas, mesas redondas, encontros de negocio e conversas entre expertos na materia, así como degustacións comentadas por expertos de produtos galegos de calidade diferenciada e outras citas de carácter lúdico.

Toda a programación do evento -que está coordinado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural- poderá seguirse, na súa integridade, a través da realidade virtual mediante vídeos 360 en Youtube, sendo este o primeiro evento destas características que incorpora esta posibilidade. Ademais, tamén se poderá facer un seguimento do programa a través das redes sociais: en twitter e en instagram, no enderezo @Spin_Rural. Todos os actos contarán como mestra de cerimonias con Helena Díez-Fuentes, experta presentadora e dinamizadora de eventos en directo, gran parte deles relacionados cos sectores da innovación, o investimento e a tecnoloxía.

Programa

As sesións iniciaranse o mércores 4 ás dez da mañá coa apertura dun espazo de encontro (denominado First business), que permanecerá aberto ao longo de todo o evento e que ofrecerá diferentes degustacións. Ademais, neste ámbito proxectaranse os perfís e proxectos protagonistas do Spin Rural. Tamén pola mañá desenvolverase unha orixinal “queimada visionaria” cun conxuro que mobilizará a creatividade, a intuición, a empatía e a conexión co entorno e cos participantes do Spin Rural. A continuación, tras a benvida institucional, iniciaranse as “conversas doutro planeta”, nas que está previsto que interveñan, en primeira instancia, un escritor de ciencia ficción, un antropólogo, un catedrático de Historia e representantes da Xunta especializados na área de innovación.

A mediodía, contra as 14 horas, haberá un “catering experiencial” dirixido polo xornalista gastronómico Guillermo Campos e no que se fará un percorrido por doce produtos con selo de galeguidade universal, as correspondentes receitas e os autores emblemáticos para trazar unha evolución da cociña en Galicia.

Pola tarde celebrarase un “encontro ao fresco” sobre innovación no que participarán o físico Jorge Mira; o xornalista Alex Fidalgo e o director de operacións da Aviporto, Nel Serrano. O programa desta xornada pecharase cunha “experiencia visionaria” centrada na promoción dos viños e augardentes galegos con certificado de calidade diferenciada.

O xoves día 5, o Spin Rural acollerá outra sesión das “conversas doutro planeta”, centrada neste caso na relación entre as persoas mozas e o mundo virtual, por un lado, e o mundo rural, por outro. Participarán Ramón Suárez, especialista en novas tecnoloxías; José Santiso, empresario rural; Daniel Suárez, CEO e fundador de Zapiens e Paraísu Startup; Xabier Paz, director de Finca Enxebreza e Inés Santé, directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

A mediodía celebrarase outro “catering experiencial” no que terán un papel protagonista os denominados súper alimentos, o leite de pastoreo e o mel de Galicia, entre outros produtos. Xa pola tarde haberá outra quenda de “conversas doutro planeta”. Neste caso a directora de Deseño de Sargadelos, Sara Méndez, falará de como xestiona esta empresa galega as sinerxías entre unha industria tradicional (a cerámica), a innovación tecnolóxica (neste caso a impresión 3D) e o sector primario (a pesca).

A continuación terá lugar a intervención dos directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, xunto con outros expertos, no foro “Saúde polos montes!”. Como o seu propio nome indica, esta sección do Spin Rural versará sobre a riqueza forestal de Galicia e o seu potencial no terreo da innovación. Participarán, ademais, Venancio Salcines, presidente do Comité de marca de Pino de Galicia; Jacobo Feijoó, coordinador do proxecto forestal Bitterlich e Alberto Cerrillo, co-fundador de Vexiza. O programa de actos deste día pecharase cunha cea -no contexto dos caterings experienciais- na que un sumiller profesional e diferentes responsables da Xunta que participaron como xurados na selección de proxectos de innovación contarán, de xeito distendido e próximo, os seus procesos profesionais e persoais.

O Spin Rural clausurarase o venres 6 de maio, cun acto institucional no que está prevista a participación de diferentes autoridades vinculadas co agro galego. O evento estará presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información