A Consellería do Medio Rural anuncia que no vindeiro ccurso 2022/23 ofertará 299 novas prazas nos ciclos medios e superiores que se imparten nos centros de formación e experimentación agroforestal (CFEA), preto dun 9,4 % máis que o curso pasado (271 prazas).
Asemade, o departamento que dirixe José González destaca que ofertará 429 cursos de formación continua, potenciando a nova plataforma de teleformación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria mediante a oferta de cursos semipresenciais. Destas 429 iniciativas impartidas entre todas as unidades dependentes da Consellería do Medio Rural, 210 serán desenvolvidas polos CFEA.
Novidades para o vindeiro curso nos seis centros de formación agraria xestionados por Medio Rural
A Consellería do Medio Rural conta con seis centros de formación agraria xestionados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, onde se consolidarán os seus distintos ciclos medios e superiores de carácter agroforestal no vindeiro curso 2022/23.
Así, no próximo curso elevaranse ata 15 as prazas no grao medio de Aproveitamento e conservación do medio natural do CFA Pedro Murias de Ribadeo, de modalidade FP dual e que se implantou como novidade o ano pasado, inaugurando deste xeito o Polo de formación forestal da Mariña, xa que esta iniciativa xa estaba implantada no IES San Rosendo, de Mondoñedo.
No que respecta ao CFEA de Guísamo, a suba traducirase en 125 prazas: 50 no grao medio de Xardinaría e floraría (réxime modular de adultos na modalidade semipresencial) e outras 75 no grao superior de Paisaxismo e medio rural (50 no réxime modular de persoas adultas semipresencial e outras 25 no réxime ordinario presencial).
Mentres, no CFA Lourizán haberá 20 prazas máis no grao medio en Aproveitamento e de conservación do medio natural e outras 20 no grao superior en Xestión forestal e do medio natural, ambas en réxime ordinario na modalidade presencial.
Canto ao CFA Becerreá, ofertaranse 20 prazas no grao medio en Aproveitamento e de conservación do medio natural e 22 no grao superior en Xestión forestal e do medio natural, tamén ambas en réxime ordinario e presencial.
Por último, no CFA de Sergude, ofertaranse 22 prazas no grao superior de Gandaría e asistencia en sanidade animal -o máis demandado e exclusivo deste centro- e outras 20 prazas no grao medio en Aproveitamento e conservación do medio natural, ambas en réxime ordinario presencial. Haberá 20 prazas máis no grao medio de Produción agropecuaria (tamén ordinario presencial) e 15 máis no grao medio en Produción agroecolóxica (réxime modular de persoas adultas na modalidade presencial).
En canto ao CFA de Monforte de Lemos, dende Medio Rural lembran que neste centro non se imparten ciclos formativos senón que está especializado en formatos en liña a través da plataforma de teleformación da Consellería con cursos habilitantes.
Desde o curso 2016/17 un total de 2.361 alumnos recibiron formación regrada nalgún dos CFEA da Consellería do Medio Rural.
Formación continua
Actualmente atópase xa en execución a formación continua programada para este ano 2022 pola Consellería do Medio Rural, que ascende a 429 iniciativas. Así, recóllese a realización de accións formativas tanto exixibles como non esixibles, entendendo por formación exixible a que ten como obxectivo proporcionar os certificados, diplomas ou carnés habilitantes requiridos para poder exercer laboralmente unha profesión no sector agroforestal, para crear unha empresa agraria ou para acceder a algún tipo de axuda.