A Xunta non contempla retomar o programa de recollida dos plásticos agrícolas

En Galicia hai máis de 109 concellos que se encargan da recollida e transporte destes residuos, que en 2023 chegaron a acumular máis de 6.000 toneladas

A Xunta non contempla retomar o programa de recollida dos plásticos agrícolas

A Xunta de Galicia non valora recuperar o programa de recollida de plásticos agrícolas que tivo en marcha dende 2005 a 2017, ao considerar que sería un agravio comparativo co resto dos sectores. Apunta que se trata dun residuo xerado por unha entidade, polo que ten que recaer no produtor a súa xestión. A pesares diso, concellos onde a carga gandeira é maior, encárganse da súa recollida e transporte para a planta que hai na comunidade.

O Bloque Nacionalista Galego preguntou na Comisión sobre as previsións que ten a Xunta de Galicia no que atinxe ao sistema de recollida dos plásticos usados na actividade agrogandeira, pero a Administración non contempla ningún cambio neste eido.

A directora xeral de Calidade Ambiental, María José Echevarría, lembrou o programa que tivo activo máis de 10 anos, nos que diminuíu de maneira progresiva a cantidade recollida. Pasaron das 3.213 toneladas recollidas no 2013, ás 1.556 en 2017, mentres a produción de plástico foi constante neses anos (entorno ás 5.000 toneladas).

Echevarría subliñou que os produtores “eran conscientes de que o programa de recollida posto en marcha desde a Xunta tiñan unha duración definida, xa que se trataba de axudalos temporalmente nas súas obrigas para que, dalgunha maneira, puidesen dotar prácticas profesionais máis sostibles”.

Galicia é das poucas comunidades que conta cunha planta de transformación dos plásticos agrícolas

Tamén destacou que moitos concellos galegos apartáronse do programa e implantaron sistemas de recollidas propios. Así, no ano 2023, con cargo a 109 concellos recolléronse máis de 6.000 toneladas. Cabe puntualizar que 53 dos municipios dispoñen de autorización para a almacenaxe dos plásticos agrícolas nos puntos limpos, “o que supón unha boa solución”.

A Lei 6/2021 de residuos e solos contaminados de Galicia establecía que a responsabilidade da correcta xestión dos residuos recaía nos produtores, que debían asegurar o tratamento axeitado dos residuos xerados. Con posterioridade, a Lei estatal 7/2022 de Residuos e Solos establecía un prazo máximo de 3 anos, dende a súa entrada en vigor, para o desenvolvemento de réximes de responsabilidade ampliada do produtor para diferentes tipos de residuos, e entre eles os plásticos de uso agrario.

Na mesma liña recalcou que a Xunta puidese seguir financiando a xestión dos plásticos agrícolas só se podería xustificar, no marco normativo actual, por circunstancias extraordinarias que “non vemos”. Non consideran que haxa unha urxencia ambiental e “non valoramos que os custos para os produtores sexan disparados, só precisan asumir o transporte, e por sorte a planta está preto”.

Outro fito que puxo de manifesto foi que Galicia é das poucas comunidades que conta cunha planta de transformación dos plásticos agrícolas, que ten capacidade suficiente para o tratamento de todos os residuos de plásticos que se producen na comunidade, de feito recibe plásticos de fóra. Esta planta no n cobra a xestión dos residuos, posto que recupera os custos grazas á transformación noutros produtos. Cabe detallar que o plástico agrícola é reciclable no 95 %, se está limpo e ben clasificado. “Todos os plásticos agrícolas constitúen unha fonte de recursos e como tal ten un prezo considerable no mercado”.

O BNG calcula que o custo para a Xunta de implicarse na recollida de plásticos agrícolas “suporía un importe ridículo”

Pola súa parte, a deputada do BNG Ariadna Fernández asegurou que os plásticos utilizados na conservación de ensilados e en plantacións de horta, que suman unhas 8.000 toneladas anuais en Galicia, están a ser xestionados polos concellos, que asumen o alto custo deste servizo. A tonelada de plásticos agrícolas supón entre 70 e 90 euros para os concellos que realizan recollidas periódicas, habitualmente cada seis meses, un ritmo que para a deputada resulta insuficiente debido á elevada xeración destes residuos.

Denunciou que a situación actual está a producir un “impacto negativo tanto no medio ambiente como na imaxe do sector agrícola galego”. Advertiu que moitos puntos de almacenamento provisional non están vixiados, converténdose en vertedoiros incontrolados, nos que se acumulan plásticos e outros residuos non relacionados coa actividade agroganadeira. “Isto resulta unha imaxe lamentable para o sector, que se ve prexudicado, e para o medio ambiente, que sofre pola acumulación de lixo e contaminación”, subliñou.

Ariadna Fernández sinalou que o plástico agrícola é un material de boa calidade que, despois de ser reciclado, pode ser convertido en granza e reutilizado no mercado. Non obstante Sen embargo, a reciclaxe destes materiais implica custos elevados, especialmente no que respecta á enerxía, ao transporte e á triaxe, xa que os residuos de plásticos agrícolas están frecuentemente mesturados con materiais non aptos, como garrafas ou sacos de rafia, dificultando o proceso.

Para a deputada nacionalista, a Xunta “debe asumir un papel máis activo na xestión destes residuos, colaborando cos concellos para asegurar un sistema de recollida eficiente”. A deputada demandou, ademais, que se establezan recollidas anuais e que estas se realicen de forma porta a porta, co fin de evitar vertedoiros incontrolados e mellorar a xestión ambiental.

Na súa réplica, a deputada amosou unhas imaxes coas que quixo denunciar a presencia de vertedoiros incontrolados e denunciar os anuncios do PP de que se investiron 235 mil euros para a eliminación destes vertedoiros, neste caso, só en Lalín. “Non sería mellor investilos en que a recollida se realizase porta a porta e non se xerasen este tipo de vertedoiros?”, preguntou. Engadiu que, pasados 15 días da visita da conselleira de Medio Ambiente, “os plásticos seguían alí”.

Ariadna Fernández entende que os produtores dos residuos teñen tamén a súa responsabilidade pero advertiu que cada bobina de plástico para o ensilado cústalle a cada  explotación 110 euros. Indicou que, das 8.000 toneladas de plástico xeradas , recíclanse 6.000, cuxo transporte custa 540.000 euros, o que segundo a deputada supón un “importe ridículo” para unha consellería. “Facéndoo porta a porta suporía arredor de 700.000 euros”, apuntou. “Adquirir compromisos e aumentar a reciclaxe é unha misión de todos e todas, non só dos gandeiros e dos agricultores”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información