A Xunta non amplía o prazo para a licenza de obra dos plans de mellora pese ó estado de alarma

Medio Rural confirma que se mantén o 15 de setembro como data limite para a entrega dos permisos, o que xera incredulidade e sorpresa no sector, pois esperábase polo menos a ampliación automática dos 79 días correspondentes á emerxencia sanitaria polo coronavirus

A Xunta non amplía o prazo para a licenza de obra dos plans de mellora pese ó estado de alarma

Nave dunha gandería. / Arquivo.

As licenzas de obra correspondentes ós plans de mellora solicitados este ano teñen que estar presentadas ante a Xunta o día 15 de setembro. É un prazo que non se cambiou, a pesar de que desde a convocatoria das axudas promulgouse o estado de alarma polo coronavirus, que se alongou durante 79 días.

Organizacións agrarias e técnicos daban por feito que a Administración ampliaría o prazo de presentación das licenzas de obra polo menos os 79 días da emerxencia sanitaria, xa que durante ese tempo os Concellos e outros servizos públicos tiveron pechada ou restrinxida a atención ó público e ralentizado o propio traballo interno.

A ampliación do prazo para presentar as licenzas xa se consideraba no sector como “automática”, igual que co resto de prazos de axudas que se viran afectados polo estado de alarma. Sen embargo, Medio Rural, a consulta de técnicos, aclaroulles estes días que a data límite para presentar as licenzas de obra continuaba a ser o 15 de setembro, unha cuestión que tamén reiterou a consulta de Campo Galego.

A Consellería considera que “as licenzas de obra non se viron afectadas polo estado de alarma, dado que non se interrumpiu ningún prazo relacionado coas licenzas durante todo o tempo que durou. Polo tanto, o prazo do 15 de setembro mantense”.

Desde o sector consideran que esa decisión carece de toda lóxica. “É un sinsentido dicir que non se viu afectado o prazo, pois tanto os técnicos de proxectos nos Concellos como os técnicos da Xunta paralizaron os trámites relacionados coas licenzas”, valora Óscar Pose, de Unións Agrarias.

Ante a decisión da Xunta, o pronóstico no agro apunta a que quedarán moitos plans de mellora fóra pola imposibilidade de presentar a licenza de obra a tempo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información