A Xunta multiplicará en 2019 os cursos para obter o carnet de fitosanitarios en previsión de que se anulen os realizados no Bierzo

A Xunta multiplicará en 2019 os cursos para obter o carnet de fitosanitarios en previsión de que se anulen os realizados no Bierzo

A Consellería de Medio Rural multiplicará o vindeiro ano a oferta de cursos propios para a obtención do carnet de manipulador de produtos fitosanitarios, especialmente o de nivel básico. Aínda que dende o departamento que dirixe José González non o confirman nin o desmenten, este repunte da oferta podería estar relacionado coa petición da Fiscalía, dentro da Operación Fito, de que se anulen os carnets obtidos na modalidade online no Bierzo, unha situación que podería afectar a miles de usuarios galegos, que se verían na necesidade de volver realizar o curso.

Neste sentido, a previsión formativa a realizar con medios propios da Consellería de Medio Rural só no primeiro semestre de 2019 é de nada menos 85 cursos de nivel básico, máis 20 de nivel cualificado, 1 de renovación do carnet de cualificado e outro de nivel fumigador.

Para realizar unha comparativa, ao longo de 2018  realizáronse nos Centros de Formación e Experimentación Agroforestal da Consellería 12 cursos de nivel básico e está previsto realizar outros 11 máis ata finais de ano. Por tanto, e só no primeiro semestre do próximo ano, a oferta formativa de Medio Rural nos centros propios para obter o carnet básico de fitosanitarios multiplicará por 4 todos os realizados ao longo deste ano.

A estes habería que engadir, segundo informa a Consellería a Campo Galego, a previsión de cursos a realizar por parte das entidades colaboradoras, e que en 2019 será similar ao número de cursos realizados no 2018 , uns 100 cursos.

Medio Rural lembra que a súa obriga é únicamente inscribir no ROPO aos agricultores aos que se lles concedeu o carnet

Por outra parte, dende o departamento que dirixe José González argumentan que “a competencia da Consellería do Medio Rural é inscribir no ROPO (Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria) a aqueles agricultores aos que se lle concede o carné de manipulador de fitosanitarios, ben por cursos dirixidos desde a nosa Administración ou doutra”, como foi o caso dos cursos online autorizados no seu momento pola Xunta de Castela e León ás empresas Rabcor, Sanea Control e Lucaser.

En canto á petición do fiscal de que se anulen estes carnets, dende a Xunta afirman que “desde a consellería non se ten coñecemento desta petición da Fiscalía que, en todo caso, dependerá da decisión do xuíz”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información