O Plan Conecta FP Galicia, impulsado pola Xunta de Galicia, establece como unha das súas prioridades o sector forestal e da madeira co reto de aumentar a matrícula dos preto de 2000 estudantes que actualmente cursan graos formativos desta familia. Así o puxeron de manifesto este luns os conselleiros de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Vieites, no primeiro encontro no marco deste plan, centrado no sector forestal-madeira e celebrado no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Politécnico de Santiago.
Tratouse dunha xornada de análise e debate para intercambiar experiencias e afondar na importancia de conectar o mundo académico co empresarial que congrega arredor de 300 persoas entre representantes empresariais de firmas tan destacadas como Finsa, Losan, Santos Equipamiento de Interiores S.L., Viveiro Os Refoxos, Madeiras O Fragueiro, Asefor ou Focus Carpinteiros, entre outros, ademais de directores, dinamizadores e profesorado dos centros que ofertan ensinanzas de Formación Profesional na nosa Comunidade.
Este encontro sectorial é o primeiro dos previstos dentro do Plan Conecta FP, unha iniciativa da Xunta de Galicia, dotada con 30,7M€, para crear nos dous próximos cursos 9.500 prazas para estudar Formación Profesional, así como para impulsar a avaliación e acreditación das competencias adquiridas pola experiencia laboral.
No caso concreto do sector forestal-madeira, é un dos que ten experimentado un crecemento exponencial na FP nos últimos anos, pasando dos apenas 600 alumnos matriculados no curso 12/13 aos preto dos 2.000 actuais. Deles, 144 cursan proxecto de FP Dual, fronte aos 15 que o facían en 2014, para o que contan coa imprescindible colaboración de máis de 80 empresas.
Escoitar as necesidades dun sector estratéxico
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, explicou que, precisamente, as accións do Plan Conecta FP partirán da análise dos sectores produtivos a través de encontros como o que se celebrou onte. “Queremos escoitar as necesidades dun sector produtivo tan estratéxico para a nosa Comunidade como é o do sector forestal e da madeira, que supón ao redor do 1,6% do PIB da nosa Comunidade e que dá traballo directo a máis de 25.000 persoas, sen ter en conta os empregos indirectos”, sinalou o titular de Educación.
“Desde a Xunta de Galicia cremos que o establecemento de sinerxías entre sector educativo e tecido empresarial son imprescindibles no escenario actual”, engadiu, destacando que “a FP galega é sinónimo de prestixio, confianza e utilidade, unha ferramenta útil para avanzar nun maior dinamismo, innovación e competitividade”. Estas ensinanzas, como explicou, “na última década teñen experimentado unha auténtica revolución silenciosa medrando tanto en prestixio como en confianza e que, ademais, rexistran unha inserción laboral por riba do 85%, superando o 97% no caso da FP Dual”.
Conectar recurso e produto
Pola súa banda o conselleiro do Medio Rural fixo fincapé na aposta da Xunta por conectar o recurso -a madeira- co produto, fundamentalmente a través do labor que realiza a Axencia Galega da Industria Forestal. Todo isto, engadiu, no marco de elementos esenciais de planificación como o Plan Forestal de Galicia “Cara á neutralidade carbónica”, así como o futuro Plan estratéxico da industrias forestal-madeira.
Ademais, González definiu o forestal como un sector con presente e con futuro, ligado á bioeconomía e que precisa de persoal cualificado para atender a empresas tan importantes como as que existen en Galicia. Así mesmo, puxo en valor a “transcendencia para o noso rural” dun eido no que máis de 60.000 familias cortan anualmente madeira por importe de 300 millóns de euros. Por iso, cualificou o monte galego como unha “caixa de aforros” para a xente do rural.
A maiores, o conselleiro salientou a coordinación entre os diferentes departamentos da Xunta en materia formativa, así como a colaboración público-privada neste campo. Definiu ambas como fundamentais para acertar diante do reto de facilitar unha formación que se axuste ás necesidades dunhas empresas forestais “moi potentes” e cuxo futuro pasa, en gran medida, pola vía da formación, remarcou.
Fume, moito fume e xa se sabe que donde hai fume, hai lume.