A Xunta márcase como obxectivo que Galicia sexa declarada rexión libre de tuberculose bovina

A Xunta márcase como obxectivo que Galicia sexa declarada rexión libre de tuberculose bovina

Ao longo do vindeiro ano, o goberno da Xunta anuncia que destinará algo máis de 7,2 millóns de euros a manter a boa cualificación sanitaria das explotacións gandeiras galegas, mediante as campañas de saneamento e demais medidas sanitarias que benefician este sector.

A Consellería do Medio Rural destinará eses fondos a sufragar o desenvolvemento de diferentes plans de vixilancia de enfermidades e de medidas de limpeza e desinfección das granxas nas que se detectan animais enfermos e dos vehículos de transporte das reses. Estas medidas enmárcanse nos programas nacionais de erradicación, que teñen como finalidade asegurar o mantemento do estado sanitario da cabana gandeira galega, segundo o establecido na normativa estatal e comunitaria, e así poder levar a cabo unha comercialización sen trabas dos produtos de orixe animal.

Nesta liña, dende a Consellería de Medio Rural anuncian que “unha vez acadada a declaración de Galicia como rexión oficialmente indemne de brucelose ovina, cabrúa e bovina, o obxectivo agora é obter a mesma declaración, canto antes, para a tuberculose bovina”, unha cualificación que xa logrou a provincia de Pontevedra.

No conxunto de Galicia a prevalencia desta patoloxía segue a ser das máis baixas do territorio peninsular español, cun 0,05% no ano 2018 fronte outras comunidades como Andalucía (12,34%), Castela A Mancha (10,35%) ou Estremadura (9,75%).

“A Xunta valora que o esforzo, o compromiso e a sensibilidade dos gandeiros galegos con respecto á mellora da sanidade animal, que xunto coas medidas desenvolvidas pola Administración fixeron que as nosas explotacións presenten un estado sanitario do máis alto nivel”, salientan dende Medio Rural. “Este status é mesmo moi superior ao existente noutras áreas do Estado e noutros países europeos, o que revaloriza os produtos alimentarios galegos de orixe animal, á vez que ofrece garantías á poboación e aos consumidores”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información