
Síntomas visuales de la Flavescencia Dorada da vid. Imagen de Alberto Fereres
A Xunta de Galicia lembra a obrigatoriedade do uso de tratamentos fitosanitarios autorizados para a loita contra o Scaphoideus titanus, insecto vector da Flavescencia dourada da vide. Dende o mes de maio, estase a facer un seguimento da evolución deste insecto e as ninfas atópanse no seu estado máis avanzado, polo que é o momento máis axeitado para aplicar os tratamentos insecticidas, de obrigatorio cumprimento na zona demarcada e recomendado nas zonas vitícolas lindeiras a estas.
A denominada Flavescencia Dourada da vide é unha doenza provocada polo organismo denominado Grapevine flavescence dorée phytoplasma e transmitido por un insecto vector (Scaphoideus titanus). O pasado 2 de febreiro de 2023 publicouse a resolución que declaraba a presenza de Flavescencia dourada en Galicia, establecendo a zona demarcada e as medidas urxentes para a súa erradicación e control. Durante as prospeccións realizadas durante o 2023 producíronse novas deteccións deste organismo nocivo, polo que se ampliou a zona demarcada e modificáronse as medidas.
No pasado de novembro de 2023, publicouse unha nova resolución pola que se ampliou a zona infestada e demarcada, así como as medidas obrigatorias establecidas. As parcelas infestadas atópanse nos concellos da Cañiza, Arbo, Crecente e As Neves, O Rosal, Oia e Tomiño, na provincia de Pontevedra; e nos concellos de Cortegada, Pontedeva e Padrenda, en Ourense. Ademais, a zona tampón esténdese aos concellos de Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui, na provincia de Pontevedra; e nas localidades de Gomesende e Quintela de Leirado, en Ourense.
Insecticidas autorizados
Unha das medidas contempladas para a súa erradicación consiste na aplicación dun tratamento insecticida autorizado en todas as plantas das parcelas de viñedo para o control do vector. Na páxina web da Consellería pode consultarse a listaxe das materias activas e formulados autorizados para estes tratamentos fitosanitarios así como as parroquias onde é obrigado o tratamento.
Realizaranse un total de tres tratamentos, dos cales o primeiro marcará o inicio do ciclo, o segundo farase 15 días despois e o terceiro, un mes despois do segundo. Respectaranse as indicacións de uso dos produtos que aparecen na súa ficha de rexistro, especialmente aquelas referidas aos intervalos de uso e número máximo de aplicacións.
Cabe sinalar que aqueles usuarios que teñan dúbidas poderán achegarse á oficina rural máis próxima ou aos servizos de explotacións agrarias da súa provincia ante calquera dúbida, así como consultar a páxina web da Consellería do Medio Rural, onde atoparán toda a información.
Ligazón á páxina web da Consellería:
https://mediorural.xunta.gal/es/temas/agricultura/sanidad-vegetal/organismos-nocivos-de-cuarentena