A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, presentou hoxe os oito estudos de arquitectura que resultaron finalistas no concurso de ideas para dirixir as obras de rehabilitación do Pazo de Lourizán que, segundo avanzou, comezarán o ano que vén cun orzamento de 17,3M€ ata o 2026.
Lorenzana explicou que os proxectos finalistas, que optan a un premio de 48.000 euros, teñen de prazo para presentar as súas propostas concretas ata o cinco de setembro. As oito candidaturas están encabezadas por oito estudos de arquitectura galegos, un de Madrid e outro de Barcelona, seleccionados dos 33 participantes que se presentaron á convocatoria.
Son: Creus e Carrasco Arquitectura S.L.P., Michele & Miquel (Francia), Müller y Feijóo; Juan Domingo Santos (Granada), Mangado y Asociados S. L., Carmen Moreno Álvarez e Carlos Quintáns Eiras; UTE Pinos, Enric Estudio Carmen Pinos S. L. P., Carles Enrich Studio S. L. P. (Barcelona); Cruz y Ortiz Arquitectos S. L. P. (Madrid), West 8 Urban Design & Landscape; Elisabeth Abalo Díaz, Gonzalo Alonso Núñez, Francisco González Varela, María Fandiño González; MGM Morales de Giles S. L. P., Irisarri Piñera S. L., Ola Arquitectura S. L. P., García Fontán; Alfonso Penela Fernández, Besada y Failde BMG, Ruth Gundín Vilar; Tres Pensando Escoitando e Solucionando S. L. P., GB Arquitectos L. D. A., Extraestudio.
A titular de Economía e Industria apuntou que o Pazo de Lourizán é actualmente a sede do Centro de Investigacións Forestais, agora integrado na Axencia Galega da Industria Forestal (Xera). Así mesmo, o recinto tamén acolle a Escola de Capataces, dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e a rede de Observación Ambiental de Galicia, nun edificio anexo ao pazo.
Segundo precisou, o proxecto contempla a rehabilitación dos edificios históricos para uso hoteleiro (4 estrelas); equipacións públicas e oficinas,e iniciativas para o uso do espazo público, tamén como punto de encontro para a ciencia e a empresa forestal.
Lorenzana asegurou que a idea é recuperar todo o recinto de Lourizán para darlle una nova vida e novos usos, sen perder a súa vinculación co sector forestal de Galicia -posto que desempeña un papel fundamental na investigación aplicada á cadea monte-industria-, e contribuíndo a dinamizar a axenda socio-cultural e económica da provincia.