A Xunta inicia a posta en marcha de 8 polígonos agroforestais para poñer en produción unhas 4000 hectáreas

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os acordos da Consellería do Medio Rural para iniciar o procedemento de aprobación para o desenvolvemento de oito polígonos agroforestais de iniciativa pública, que estarán situados nos concellos ourensáns da Arnoia, Leiro, Riós, Monterrei e Paderne de Allariz, nos pontevedreses de Cerdedo-Cotobade e Crecente e no coruñés de Curtis, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Ditos procesos realizaranse mediante procedementos de concorrencia competitiva.

Así, en colaboración coas oito administracións locais e tras abrir un período de información ou actuacións previas co fin de coñecer as circunstancias de cada un dos casos, a Consellería do Medio Rural resolveu a conveniencia de iniciar ditos procedementos. O obxectivo prioritario será poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal, así como mellorar a estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas.

Cómpre sinalar que as causas polas que procede desenvolver estes oito polígonos de iniciativa pública son a existencia dunha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50% da superficie de terras do polígono agroforestal. O polígono máis extenso dos declarados é o situado no concello de Curtis, que contará cunha extensión total de 3.386 hectáreas, repartidas en 6.161 parcelas de 1.776 propietarios, orientadas preferentemente á gandaría bovina de leite.

No relativo ao resto de polígonos, o de Remuíño, na Arnoia, componse de 224 hectáreas repartidas no maior número de parcelas -6.753- de 780 propietarios para uso hortícola, cultivos leñosos (viticultura) e de sistema agroforestal; mentres o de Barzamedelle, en Leiro, consta de 146 hectáreas e 183 parcelas de 113 propietarios para cultivos leñosos, de sistema agroforestal e de ciclo curto. Pola súa parte, o de Pousada, en Riós, ten 94 hectáreas e 663 parcelas de 966 propietarios e destinarase ao cultivo de castiñeiro, mentres que o de Solbeira, en Paderne de Allariz, ten 43 hectáreas e 317 parcelas de 208 propietarios que serán destinadas a gandaría.

Finalmente, o de Vilalén-Tomonde, en Cerdedo-Cotobade -de 68 hectáreas e 1534 parcelas de 278 propietarios- destinarase a cultivos leñosos e de sistema agroforestal. Isto tamén o fará o polígono agroforestal de Mandelos, en Crecente, composto de 45 hectáreas, repartidas en 391 parcelas pertencentes a 183 propietarios no que, ademais, se levarán a cabo cultivos de horta. Pola súa parte, o polígono de Vences, en Monterrei, con 22,44 hectáreas repartidas en 535 parcelas de 599 propietarios, será empregado para cultivos leñosos (viticultura).

15 polígonos agroforestais de iniciativa pública en marcha en Galicia

Hoxe en día , dos 15 polígonos de iniciativa pública existentes en Galicia, 10 están xa iniciados e cinco están en fase de actuacións previas. Estes 10 polígonos xa iniciadossupoñen a recuperación de 4.114 ha.

Así, ademáis dos 8 que se publican hoxe no DOG, hai outros dous que están en fase máis avanzada e que son os de Oímbra (con 64 hectáreas e unhas 70 parcelas de 70 propietarios) e Cualedro (preto de 22 hectáreas e unhas 70 parcelas de 73 propietarios), para os que xa se tramitou a declaración de utilidade pública. Nela establécense como usos e actividades admisibles para o polígono de Oímbra os cultivos agrícolas de ciclo curto e a gandaría en extensivo, ademais de árbores froiteiras como actividade secundaria.

No caso de Cualedro, establécense como actividades a gandaría en extensivo e os cultivos complementarios.

Polígonos de iniciativa privada


En abril do ano pasado, a Consellería do Medio Rural lanzou unha manifestación de Interese en que se preguntaba expresamente pola necesidade de terra para o desenvolvemento das actividades agrarias.

A través desta convocatoria recibíronse un total de 1.244 enquisas simplificadas sobre demanda de terra agraria e 255 proxectos completos para o sector agrario galego. A partir dos datos incluídos nestas propostas puidéronse xeolocalizar 991solicitantes e 21.321,7 ha delimitadas xeograficamente.

Neste senso, cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, recibiu un total de 34 solicitudes para polígonos agroforestais de iniciativa privada que supoñen máis de 1.300 hectáreas a mobilizar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información