A Xunta inicia os traballos para modernizar os regadíos da Limia cun investimento de 4 millóns

Publicidade
A Xunta inicia os traballos para modernizar os regadíos da Limia cun investimento de 4 millóns

Reunión do conselleiro do Medio Rural con representantes do sector agrogandeiro da Limia

A Xunta anuncia que iniciou xa os traballos para a mellora e modernización do regadío da Limia. Estes labores consisten na construción de 42 novos pozos de sondaxe de auga nesta bisbarra ourensá. Así o confirmou o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na reunión desta mañá da Mesa do regadío da Limia, na que participaron responsables das administracións autonómica e central, así como diferentes técnicos encargados de supervisar os traballos.

Desta forma, sinalou González, “avánzase na colaboración entre a Xunta e a Administración Xeral do Estado a prol da xestión sustentable da actividade agrogandeira nesta bisbarra de referencia para o rural galego, e que lle permitirá, ademais, contar con 4.000 novas hectáreas de regadío”. Ademais, o conselleiro anunciou que a Xunta constituirá unha oficina de regantes para ter permanentemente informados de todos os pasos do proceso aos propietarios das parcelas e ás comunidades.

Os labores iniciáronse co acopio do material necesario e a disposición da maquinaria para a perforación, unha vez recibida, por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a correspondente concesión para a comunidade de regantes Lamas Ganade, que xunto coas de San Salvador de Sabucedo, Corno do Monte e Alta Limia serán as beneficiarias desta actuación. Na reunión de hoxe avanzouse, ademais, nos trámites para agrupar estas catro entidades, tal e como solicita a Confederación Hidrográfica, para contar cun único interlocutor á hora de desenvolver as diferentes actuacións. Esta agrupación estaría liderada pola comunidade de Lamas Ganade, ao ser a que acumula máis caudal e pozos.

Estas actuacións enmárcanse -lembrou González- no investimento de arredor de 36 millóns de euros que destinará a Xunta e o Estado á bisbarra, uns fondos que foron conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do Goberno galego, tal como destacou o conselleiro.

Destas achegas, preto de 16 millóns servirán para modernizar o regadío, outros case catro millóns -aportados pola Xunta- serán para a construción dos devanditos 42 pozos e os 16 restantes foron xestionados pola Consellería do Medio Rural perante o Estado, de forma adicional, para a limpeza das canles e dos camiños paralelos, un investimento que González agarda que se faga efectivo, de acordo co compromiso amosado polo Ministerio de Agricultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información