A consellería do Medio Rural iniciou hoxe os pagos das achegas para a destilación de crise nas Denominacións de Orixe Monterrei e Ribeiro. En total destilouse viño de 10 adegas por valor de 350.000 euros e o alcol obtido empregarase para uso industrial.
Estas achegas convocáronse no último trimestre do ano pasado e estaban dirixidas ás adegas das DO beneficiadas, especializadas na elaboración de caldos novos e de rápida rotación, que se viron afectadas sensiblemente pola caída de consumo de viños tintos nos ámbitos europeo e internacional, así como polo incremento dos custos de saturación dos mercados.
Neste contexto, un elevado número de adegas destas D.O acumularon unha estocaxe de viño que lles impedía elaborar novo produto nesta campaña, tanto pola falta de capacidade física de almacenamento como polas dificultades para a súa comercialización. Por este motivo, procedeuse á convocatoria destas axudas, que perseguen dous obxectivos principais. Dunha banda, reducir a cantidade de viño acumulado e, pola outra, dar saída ao almacenado en varias campañas sen interferir no mercado nin afectar á cantidade e ao prezo.
Convocatoria anterior
Trátase da segunda ocasión na que a Xunta convoca estas achegas. Na anterior campaña, correspondente ao ano 2024, estas achegas foron concedidas á D.O Ribeira Sacra co mesmo obxectivo que este ano. As axudas chegaron a 15 adegas, que destilaron 3.331,7 hectolitros de viño, cunha subvención económica de case 350.000 euros.
Cabe sinalar que para poder implementar a destilación de crise voluntaria é preciso seguir o procedemento establecido a nivel comunitario. Deste xeito, a Consellería do Medio Rural, en coordinación co sector vitivinícola galego, solicitou á Comisión Europea -a través do Goberno Central- esta medida excepcional.
Galego








Control OJD