A Xunta informa aos veciños de Ames das vantaxes de implementar unha aldea modelo

A Xunta informa aos veciños de Ames das vantaxes de implementar unha aldea modelo

O subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios, e técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural veñen de manter un encontro con parte dos 52 propietarios que estarían implicados na que sería a aldea modelo de Ferreiro

A Xunta anima aos veciños da parroquia de Agrón, no concello coruñés de Ames, a apostar pola implementación dunha aldea modelo ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, o subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios, e técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural veñen de manter un encontro con parte dos 52 propietarios que estarían implicados na que sería a aldea modelo de Ferreiros solicitada polo consistorio, que abranguería un total de 10 hectáreas distribuídas en 128 parcelas.

Na xuntanza, o subdirector lembrou que as aldeas modelo son un dos principais instrumentos contemplados na nova norma para recuperar, neste caso, contornas de núcleos de poboación. Así, xunto cos polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, trátase dunha ferramenta concibida para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume.

Tras o encontro informativo, agora procederase á recollida de sinaturas requirida para a posta en marcha desta aldea modelo de Ferreiros, en Ames. Ao tratarse dun instrumento voluntario, seguirá adiante se conta co apoio dun grupo de propietarios que posúan en conxunto, cando menos, o 70 % do perímetro afectado. De aprobarse, seguidamente procederase á roza e limpeza da contorna da parroquia para proceder posteriormente á posta en marcha da actividade ou actividades económicas que se consideren máis axeitadas para a zona co obxectivo de recuperar e dinamizar o territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información