A Xunta incrementa as axudas a concellos e particulares para a limpeza da biomasa arredor dos núcleos de poboación

Tras a negativa da FEGAMP a asinar o convenio proposto pola Xunta, o presidente Rueda anuncia que “se van destinar máis de 100 M€ nos vindeiros catro anos, o que supón duplicar a contía anual e chegar aos 25 M€”

Camariñas II faixas lumes forestaisO presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou este martes de que o Goberno autonómico manterá e consolidará o sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias (os 50 metros que rodean os núcleos de poboación) mediante un novo convenio de colaboración coa empresa pública Seaga, malia a negativa da Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a sumarse a esta iniciativa, que de cara aos vindeiros anos inclúe máis orzamento e máis apoios para concellos e particulares.

A Fegamp quere que a Xunta asuma o procedemento sancionador na súa totalidade -dado o coste político que supón para os alcaldes ter que sancionar aos veciños-, que non se penalice aos concellos por incumprir a limpeza de franxas e que sexan máis os municipios que poidan delegar na Xunta a execución subsidiaria das rozas.

Tras a negativa da Fegamp ao convenio proposto pola Xunta, Rueda anunciou que a administradción autonómica “vai destinar máis de 100 millóns de euros nos vindeiros catro anos a un novo convenio que permitirá duplicar o orzamento ao chegar aos 25 millóns ao ano”. En concreto, o Consello autorizou na súa reunión de onte a sinatura do novo convenio, cunha dotación total de 61,1 millóns de euros para o período 2026-2029.

A este importe hai que sumarlle os 10 millóns anuais do Fondo de Limpeza de Faixas secundarias, o que implica ter un montante total anual de 25 millóns, o dobre que actualmente. Polo tanto, o investimento para manter este sistema superará os 100 millóns nos vindeiros catro anos.

Novidades e melloras

Ademais, o novo convenio incluirá diferentes novidades e melloras. “Haberá máis persoal e máis medios para realizar estas tarefas dun xeito pautado e planificado”, indicou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que explicou que se incrementarán as chamadas parroquias priorizadas – “ata as 276”-, nas que os veciños poderán contratar a Seaga para a limpeza dos seus predios como ata agora, por un prezo de 420 euros/hectárea; axilizaranse as execucións subsidiaras máis urxentes nas zonas identificadas de maior risco de incendio; prestarase un maior apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes para todas as actuacións (notificación, inspección, sanción e execución, de ser o caso) e impulsarase a creación de barreiras naturais nestas faixas coa plantación de frondosas, unha cuestión que xa se contemplaba anteriormente e que agora se reforzará.

Todo isto, a maiores das accións que xa se contemplaban ata o de agora, como é o labor de inspección das parcelas das faixas secundarias, as execucións subsidiarias nas faixas en ata 10 hectáreas identificadas polos concellos adheridos, ou actuacións de xestión de biomasa en ata 12 quilómetros de vías de titularidade municipal.

Obrigas de limpeza

Rueda lembrou que a obriga de xestión da biomasa corresponde ás persoas titulares do dereito de aproveitamento sobre as parcelas incluídas nesas faixas, e compete ás entidades locais a inspección e control do cumprimento desa obrigas. Polo tanto, no suposto de incumprimento, “é competencia municipal lembrar aos titulares a súa obriga legal de xestión da biomasa; conceder un prazo para facelo; advertir de que, en caso de persistencia no incumprimento, poderanse impoñer multas coercitivas; ou ben proceder á execución subsidiaria por parte da Administración, con repercusión dos costes”.

Para axudar os concellos a cumprir coas súas obrigas, a Xunta puxo en marcha este convenio, asinado por primeira vez en agosto de 2018 entre a propia Administración Autonómica, a Fegamp e Seaga. Este acordo permitiu o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, co obxecto de dispor dun instrumento para a cooperación, cos concellos que voluntariamente se adheriron, na xestión da prevención de incendios nas denominadas faixas secundarias de xestión da biomasa. Rueda salientou que actualmente “están adheridos un total de 291 concellos, o 93% dos municipios galegos”. Deles, 268 aprobaron o seu plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Cara ao vindeiro convenio e ante a falta de acordo, polo momento da Fegamp, “a Xunta vaille ofrecer a cada concello de xeito individual a posibilidade de adherirse”, indicou o presidente autonómico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información