A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, programou para este ano 2025 un total de 169 accións dentro do Plan de formación ao agro galego, que representan 3.566 horas formativas, cun investimento que supera os 540.000 euros. Isto supón que se poñen á disposición do sector máis de 4.000 prazas formativas. Estas actuacións están financiadas polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) nun 60 %, pola Xunta de Galicia nun 28 % e polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) nun 12 %.
O obxectivo deste plan, do que hoxe tomou razón o Consello do Goberno galego, é o de modernizar as zonas agrícolas e rurais fomentando e poñendo en común o coñecemento, a innovación e a dixitalización nelas, e promovendo a súa adopción polos agricultores, mediante a mellora do acceso á investigación, á innovación, ao intercambio de coñecementos e á formación.
Trátase de fomentar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e silvicultor en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades. Procúrase incidir, cando sexa preciso, no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e protección do medio, na mellora na eficiencia dos sistemas agrarios de produción, na calidade, eficiencia e novas tecnoloxías da industria agroalimentaria, na reordenación das producións, na bioeconomía e na aplicación das TIC ao sector.
As persoas destinatarias das accións son o persoal do sector primario agrario (agrícola, gandeiro, silvicultor, industria agroalimentaria e sector silvícola de primeira transformación) vinculadas profesionalmente ou con expectativa de incorporación, en especial mozos/as e mulleres do medio rural galego.
Recursos propios e colaboración con entidades
As actividades de formación son solicitadas e implementadas de diversos xeitos. Son xestionadas directamente pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través dos seus recursos propios ou en colaboración cos medios da Consellería do Medio Rural; fanse tamén mediante contratos a empresas que inclúan entre as súas capacidades a prestación de servizos; por medio de encomendas a unha entidade que teña atribuída a condición de medio propio e servizo técnico e poden ser ademais executadas a través de convenios de colaboración con outros entes públicos ou privados.
Dentro do ámbito da xestión directa, os potenciais axentes formadores son a propia Axencia Galega da Calidade Alimentaria a través de diferentes unidades, entre elas os centros de formación e experimentación agraria e os centros de investigacións agraria da Consellería. Tamén se imparte formación por medio das diversas oficinas rurais espalladas por todo o territorio galego.
Os cursos poden ser habilitantes, é dicir, que proporcionan unha acreditación exixida para desenvolver unha determinada actividade, como o uso de fitosanitarios e cuestións relacionadas co benestar animal, ou de adquisición de coñecementos non exixibles. Neste último caso, abranguen aspectos como a horta, os aproveitamentos forestais, o bovino de leite e carne, a apicultura ou a enoloxía, entre outros. As modalidades das accións formativas van desde a presencial ata a formación de curta duración, pasando pola telepresencial, en liña ou semipresencial.
Políticas da UE e Estratexia de especialización intelixente
Este Plan de formación ao agro enmárcase nas políticas da Unión Europea a prol da transferencia de coñecementos e o fomento da I+D+i no eido rural. Ademais, intégrase na Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, aprobada pola Xunta en abril de 2022 e que aborda, tamén a través da I+D+i, a mellora do sistema de innovación agroalimentaria e forestal e a súa capacidade de resposta aos retos e estratexias.
Así, considérase que a formación agraria (agrícola, gandeira e forestal) e da industria agroalimentaria converteuse nunha das principais ferramentas de adaptación aos procesos de cambio tecnolóxico, económico e social en que están inmersos os sectores agrario e agroalimentario e, en xeral, o medio rural.
Galego









Control OJD