Impulso á construción en madeira nas obras públicas para reducir a pegada de carbono

As conselleiras de Economía e Vivenda asinan convenios para promover o uso de materiais sostibles, asesoramento técnico e formación no sector da edificación pública

Impulso á construción en madeira nas obras públicas para reducir a pegada de carbono

Acto de sinatura do convenio entre as Consellerías de Economía e Vivenda.

María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria, asinou dous convenios en colaboración coa titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, nos que recollen o compromiso para promover a construción en madeira na edificación pública por parte da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), o Instituto Galego de Vivenda e a Axencia Galega de Infraestruturas.

Este acordo busca incorporar sistemas construtivos que empreguen materiais de orixe biolóxica e reciclables, como a madeira, nas obras públicas de ampliación, rehabilitación, reforma e nova creación, co fin de reducir a pegada de carbono na edificación pública.

A conselleira María Jesús Lorenzana destacou que a iniciativa busca que o aproveitamento dos recursos naturais beneficie á cidadanía, como recolle a Lei de recursos naturais de Galicia, e que “a Administración pública tamén ten que dar exemplo” fomentando a construción en madeira, impulsando o sector forestal, que representa case o 2% do PIB galego.

María Martínez Allegue subliñou que os convenios reflicten “a aposta da Xunta por unha construción máis descarbonizada” e resaltou a madeira galega “como material que nos permite construír dun xeito sostible, eficiente e de calidade”. Explicou que a AXI e o IGVS promoverán o uso da madeira en proxectos de rehabilitación e novas construcións públicas.

O contido do convenio

A Xera a través da súa Área de Promoción e Calidade Forestal e do CIS Madeira, comprométese a revisar os pregos de prescricións técnicas particulares daquelas licitacións públicas nas obras de calquera tipo que incorporen madeira con fins estruturais ou funcionais.

Tamén prestará asesoramento técnico na redacción de proxectos, inspeccións e elaboración de informes de mantemento das estruturas de madeira, incluíndo un plan de actuacións para asegurar a súa durabilidade.

Por parte do IGVS e da AXI, valorarase incorporar requisitos de carácter medioambiental ou exixencias funcionais nos proxectos de construción de edificacións como, por exemplo, limiares máximos de pegada de carbono dos materiais de madeira.

Tamén se fomentará o uso da madeira en obras de mobilidade sustentable segundo o Plan de sendas de Galicia, co asesoramento do CIS Madeira para elaborar unha instrución sobre o deseño de pasarelas peonís de madeira, e promoverase o uso da ferramenta de trazabilidade de orixe da madeira FORTRA para asegurar a xestión forestal sustentable e outras certificacións.

Ambas partes coordinarán accións formativas dirixidas a empregados públicos, proxectistas, técnicos e instaladores, enfocadas nas técnicas construtivas actuais para garantir o comportamento estrutural e a durabilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información