A Xunta identifica 24.000 hectáreas de terreo abandonado que se poderían xestionar en polígonos agroforestais

Un total de 61 das 707 masas seleccionadas presentan maioritariamente unha capacidade produtiva máxima para a agricultura intensiva. O resto son aptas para outros usos de cultivos agrícolas así como para un aproveitamento forestal

A Xunta identifica 24.000 hectáreas de terreo abandonado que se poderían xestionar en polígonos agroforestais

Un pasto dunha gandaría en Sarria, Lugo

A Xunta de Galicia identificou 24.000 hectáreas de terreo abandonado que poderían ser xestionadas en polígonos agroforestais. Esa é a información que se desprende do informe que fixo público este xoves a Consellería de Medio Rural, onde se detallan e analizan as zonas preferentes de actuación en masas de concentración parcelaria susceptibles de se transformaren en cultivos agrícolas de iniciativa pública. Todo ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Deste xeito, o Goberno galego vén de identificar 707 masas de concentración parcelaria abandonadas que contan cunha boa aptitude produtiva. A Xunta pretende poñer estes terreos a disposición daquelas explotacións que o precisen mediante a posta en marcha de polígonos agroforestais. Nesa liña, Medio Rural lanzara en marzo deste ano a convocatoria de Manifestación de interese de proxectos autonómicos dirixida a identificar proxectos ou iniciativas que queren optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central. 

En total, recibíronse case un millar de propostas que indicaban a localización xeográfica da terra demandada e supoñen un total de 21.322 ha. A maiores, as denominacións de orixe solicitaron outras 10.000

Para chegar a esta resolución, os técnicos da administración galega elaboraron unha investigación onde se tiveron en conta os perímetros das zonas de concentración ou reestruturación parcelaria, as parcelas do Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac – 2020), a información relativa ao Sistema de información sobre ocupación del suelo de España (SIOSE 2017) e ao Mapa de capacidade produtiva dos solos de Galicia.

A investigación centrouse na capacidade destas terras agrarias para os usos de agricultura intensiva, para prados e pastos e para repoboación de coníferas, tendo en conta que a superficie das masas debía ser igual ou superior ás 10 hectáreas e que o 50 % desa superficie ou máis debía estar abandonada. Os resultados da investigación tamén afondan nas potencialidades das terras, recolle que un total de 61 das 707 masas con abandono e unha superficie de máis de 10 ha presentan maioritariamente unha capacidade produtiva máxima para agricultura intensiva, principalmente millo e produtos da horta vinculados a algún selo de calidade diferenciada. As zonas sinaladas atópanse, principalmente, nas provincias da Coruña e Ourense.

O resto de masas analizadas son aptas para outros usos de cultivos agrícolas como pastos e pastizais, cereais ou froiteiras. Ademais, tamén se poderán combinar cun aproveitamento forestal de cara á diversificación do monte galego, coa plantación de piñeiro ou frondosas autóctonas. O seguinte paso que levará a cabo a Xunta nas vindeiras semanas será cruzar estas zonas de terra dispoñible coa localización das terras demandadas nas manifestacións de interese do Next Generation, coa fin de priorizar as primeiras zonas nas que se levarán a cabo estes polígonos agroforestais. 

1.500 solicitudes optan aos fondos do Plan de recuperación

Medio Rural rexistrou preto de 1.500 iniciativas de pequenas e medianas empresas que queren optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central. Delas, un total de 994 indican a localización xeográfica da terra demandada e supoñen a posta en valor de 21.322 hectáreas. Algo máis de 13.200 hectáreas demandadas son para a orientación produtiva gandeira, arredor de 1.900 hectáreas demandadas son para a orientación produtiva agrícola e unhas 1.400 ha para produción forestal. A estas cifras habería que sumarlle outras máis de 4.700 hectáreas que compatibilizarían producións mixtas. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información