A Xunta fará públicos os datos da localización xeográfica dos niños de velutina retirados

A proposta foi presentada polo BNG na última Comisión de Agricultura e sostense sobre estudos que afirman que a vespa fai os novos niños a unha distancia máxima de cen metros dos antigos

A Xunta fará públicos os datos da localización xeográfica dos niños de velutina retirados

Un niño de tártago de patas amarelas pendurado das pólas dunha árbore

Galicia avanza, pouco a pouco, cara o control do tártago de patas amarelas, tamén coñecido como vespa velutina. Desta vez, na Comisión de Agricultura do Parlamento houbo un pequeno consenso entre goberno e oposición. Nesa liña, a Xunta comprometeuse, a proposta do BNG, a facer públicos os datos da xeolocalización de niños de velutina retirados por Seaga, con quen ten asinado o contrato para levar a cabo as tarefas de control da praga.

Esta nova fórmula posta sobre a mesa polos nacionalistas fundaméntase nalgúns dos estudos que están orientando as políticas de prevención en Francia. Nesas investigacións conclúese que os novos niños de vespa velutina que se orixinan adoitan estar a unha distancia máxima de 100 metros contados dende a posición do último niño extraído.

Porén, a voceira do Partido Popular na comisión, Raquel Arias Rodríguez, condicionou a aprobación desta medida á que o Bloque Nacionalista Galego dese apoio ao resto de propostas do goberno galego. Pola súa banda, o voceiro nacionalista, Xosé Luis Rivas, esixíulle ás consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente que abran novas liñas de investigación xunto coas universidades galegas para recabar datos propios do territorio galego: “Temos que guiarnos por estudos franceses que viven realidades diferentes á nosa. Aínda así, esas investigacións dan a coñecer que coas medidas de trampeo e retirada de niños non se logran eliminar máis do 20% das vespas”, argumentou Rivas. Para concluír, o voceiro do BNG pediulle á administración galega que desenvolva métodos modernos e innovadores para controlar esta praga.

Pola contra, a popular Raquel Arias quixo sinalar que o orzamento para este tipo de actuacións de control aumentouse durante o ano 2021, pasando dos 724.000 euros do ano pasado aos 1.300.000 euros deste. Ademais, a voceira explicou que o goberno galego ampliou o horario de atención a este tipo de emerxencias do teléfono 012 para que estivese activo 24 horas ao día, sete días á semana. Tamén recordou que a adquisición de trampas para dar caza ao tártago de patas amarelas está subvencionada ao cen por cen pola Xunta e que o resto de métodos tamén, pero ata un máximo do 70%. A oposición considera que esas medidas non son suficientes e insta á administración dirixida por Alberto Núñez Feijóo a que financie a investigación, xa que “o resto de medidas son boas a curto prazo pero non solucionan o problema”, explicaba Rivas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información