A Xunta estuda desenvolver unha aldea modelo no concello do Porriño

A Xunta estuda desenvolver unha aldea modelo no concello do Porriño

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde da localidade pontevedresa, Alejandro Lorenzo

A Consellería do Medio Rural estudará a posibilidade de desenvolver un proxecto de aldea modelo dentro do termo municipal do Porriño. Así o acordaron o titular deste departamento da Xunta, José González, e o alcalde da localidade pontevedresa, Alejandro Lorenzo, nunha xuntanza de traballo na que tamén participou, por videoconferencia, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

Así, os servizos técnicos de Medio Rural avaliarán a idoneidade de diversas localizacións para a posta en marcha da iniciativa, que se enmarca na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, xunto a outras como os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta. Todos estes instrumentos, tal e como lle trasladou o conselleiro ao rexedor municipal, teñen como principal obxectivo poñer en valor terras en desuso para poñelas a producir e xerar riqueza e emprego no rural, ao tempo que se fai unha prevención activa diante dos incendios forestais.

No caso concreto das aldeas modelo, o obxectivo é fomentar o aproveitamento agroforestal do perímetro do núcleo de poboación, co fin de xerar actividade nesa franxa e dese xeito contribuír á dinamización das terras e, simultaneamente, á anticipación aos incendios forestais.

Na reunión tamén se afondou na cooperación entre a Consellería e o Concello en materia de prevención de lumes, en particular no que atinxe aos labores de roza mecanizada para o control da biomasa. Ademais, a xuntanza serviulles aos responsables da Consellería do Medio Rural para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio pontevedrés relacionadas co agro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información