A Xunta estuda a creación dun polígono agroforestal de 136 hectáreas para vides, cerdeiras e castiñeiros en Larouco

O polígono abarcaría un total de 1.227 parcelas situadas na parroquia de Freixido e pertencentes a 517 propietarios

A Xunta estuda a creación dun polígono agroforestal de 136 hectáreas para vides, cerdeiras e castiñeiros en Larouco

Lamela, González e Santé durante a celebración da primeira edición Facer Galicia Rural, celebrada en Larouco.

A Xunta e o Concello ourensán de Larouco estudan a creación dun polígono agroforestal de 136 hectáreas na parroquia de Freixido. Esta é unha das iniciativas impulsadas pola Consellería de Medio Rural para recuperar a terra abandonada na provincia de Ourense, na liña da presentada recentemente en Xunqueira de Ambía para a produción de cereal.

En concreto, o polígono agroforestal de Freixido está proxectado nun total de 1.227 parcelas pertencentes a 517 propietarios. Tal e como está concibido e solicitado polo Concello de Larouco, destinaríase a cultivos leñosos, concretamente, á plantación de vides, cerdeiras e castiñeiros.

A proposta foi presentada polo conselleiro do Medio Rural, José González, na propia localidade ourensá, onde participou na primeira edición de Facer Galicia Rural, unha serie de eventos que irán percorrendo a comunidade para dar a coñecer as accións que se están a promover co gallo de recuperar actividade agraria e fixar poboación no rural.

O titular de Medio Rural sinalou que os polígonos agroforestais non só permiten poñer en valor parcelas en situación de abandono ou infrautilización, senón que van aparellados de xeito prioritario ás producións de proximidade distinguidas pola súa calidade e á remuda xeracional no agro. Con estes polígonos agroforestais apóstase pola volta á produción de grandes áreas de terra potenciando os tres usos do chan (agrario, gandeiro ou forestal) segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona. A iniciativa pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70 % da superficie do perímetro do proxecto.

González estivo acompañado neste acto pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e pola alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela. Durante a súa intervención, o conselleiro destacou a importancia da Lei de recuperación á que calificou como unha caixa de ferramentas para poñer en valor terras en estado de desuso. Ademais recordou as 14 aldeas modelo xa aprobadas e a decena de polígonos agroforestais impulsados, aos que agora se suma o de Freixido, como iniciativas que permiten ademais avanzar na anticipación aos incendios forestais. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información