A Xunta espera axilizar este ano a mobilización de parcelas a través do Banco de Terras

A Xunta espera axilizar este ano a mobilización de parcelas a través do Banco de Terras

A conselleira durante o acto de entrega das parcelas a concellos galegos.

A Consellería do Medio Rural finalizou este venres o proceso de revisión do catálogo do Banco de Terras co traspaso dun último lote de 957 parcelas a 73 municipios de toda Galicia. O remate deste filtrado de predios sen utilidade agraria permitirá, segundo o departamento que dirixe Ángeles Vázquez “que o Banco de Terras intensifique e optimice os recursos dispoñibles e, así, centrarse no arrendamento de terras válidas para usos agrícolas, gandeiros e forestais e poñer en valor grandes áreas”.

Dende o Goberno da Xunta destacan que en total, en menos dun ano (o primeiro traspaso foi a Vedra en maio de 2017) revisáronse en torno a 2.500 parcelas e finalmente traspasáronse 2.194 a 110 concellos. Estes espazos poderán agora ser utilizados polos veciños ben directamente ou a través de servizos municipais. Moitos deles xa teñen construcións como cemiterios, depuradoras, depósitos de incendios, etc, xa que procedían de masas comúns de zonas de concentración parcelaria transferidas no seu momento ao Banco de Terras.

O Banco de Terras traspasou 2.194 parcelas a 110 concellos

O acto de entrega formal levouse a cabo na Cidade da Cultura, alí a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, formalizou cos alcaldes a cesión destes últimos predios que poden ser traspasados directamente aos gobernos locais grazas á Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (Metaga). Esta norma contemplou o recoñecemento da titularidade municipal dun xeito máis áxil e con menos carga burocrática que a tradicional cesión de terras para aqueles espazos que, en realidade, non podían poñerse a producir. Ata ese momento, supuña pasar por 36 pasos administrativos.

Por provincias, nesta última entrega, 549 predios foron a parar a 32 concellos da provincia da Coruña, outros 218 a 22 municipios de Lugo, 107 a 13 localidades de Ourense e por último seis concellos de Pontevedra recibiron 83 terreos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información