A Consellería de Medio Rural ten previsto enviar este verán unhas 19.000 notificacións a propietarios de terreos próximos a casas e núcleos habitados e vías de comunicación que incumpriron a obriga de limpalos antes do 31 de maio. Será o paso previo ás sancións.
Así o anunciou esta mañá nunha entrevista na Televisión de Galicia o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto, quen lembrou que as multas poden chegar aos mil euros.
“Neste momento estamos avisando e notificando aos propietarios e ao longo do verán enviaremos unhas 19.000 notificacións en vías de comunicación. Pero hai que lembrar que inevitablemente as sancións van chegar porque o que hai que avaliar é o nivel de cumprimento -á hora de ter limpas as faixas de protección establecidas-”, asegurou o director xeral.
Unións Agrarias advirte de que é “inviable” cumprir a norma e lembra que “a Xunta é a primeira en incumprila”
Pola súa parte, o sindicato Unións Agrarias advirte de que é “inviable” cumprir coa normativa en canto á limpeza das faixas de protección e denuncia que a Xunta de Galicia é a primeira en incumprir a norma nos terreos que xestiona.
Así o afirmou esta mañá en rolda de prensa en Santiago de Compostela o secretario xeral de UUAA, Roberto García. “Non é tanto ir contra as multas senón que estas non se adaptan á realidade e non resolven o problema de fondo, que son os incendios, e que se producen sobre todo nas zonas sen actividade agrogandeira, como a provincia de Ourense (…) onde moitas veces xa non queda xente que poda facer as labores de limpeza”, advertiu.
Neste sentido, o responsable de Unións considerou imprescindible que a Consellería de Medio Rural antes de impor sancións analice quen son os propietarios dos terreos para determinar se poden ou non facer fronte a limpeza dos terreos arredor das casas e vías de comunicación.
“Non se pode ameazar con sancións a máis de 200.000 propietarios que son pensionistas que non están nin en condicións físicas de realizar a limpeza nin en condicións económicas para contratar a quen lla faga”, advertiu Roberto García.
Por último, o responsable de Desenvolvemento Rural de UU.AA., Jacobo Feijoo, lembrou que “traballos de limpeza das faixas de protección contra os incendios que non se fixeron en once anos non pode pretender o goberno da Xunta que se resolvan en tres ou catro meses”.
Neste sentido, recordou que estas medidas de limpeza xa estaban contempladas na Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia aprobada polo Goberno bipartito, pero non foi ata este 2018, a raíz da vaga de lumes de outubro do ano pasado, cando se decidiu aplicar esta normativa por parte da Xunta.