Xunta e a Fundación Juana de Vega colaborarán para potenciar a recuperación das variedades vexetais autóctonas de Galicia

Xunta e a Fundación Juana de Vega colaborarán para potenciar a recuperación das variedades vexetais autóctonas de Galicia

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asina un convenio de colaboración co presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, para o desenvolvemento do proxecto de caracterización, recuperación, conservación e transferencia da biodiversidade xenética vexetal de interese agrario de Galicia.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, para o desenvolvemento do proxecto de caracterización, recuperación, conservación e transferencia da biodiversidade xenética vexetal de interese agrario de Galicia.

En concreto, a Xunta investirá un total de 450.000 euros deica o ano 2024 para apostar pola conservación e mellora dos recursos fitoxenéticos existentes no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, no Centro de Investigación Forestal de Lourizán e na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Galicia. Pola súa parte, a Fundación aportará unha partida de 195.000 euros, para acadar un total de 645.000 euros de investimento.

O obxectivo deste acordo é o de facer maior énfase na transferencia dos novos coñecementos aos agricultores galegos para garantir o futuro e a sustentabilidade agraria. Ademais, a colaboración entre a Xunta e esta entidade pretende lograr unha maior diferenciación e calidade das producións galegas, que mellore o seu status comercial dentro e fóra da comunidade.

Funcións e labores recollidos

O acordo, que se enmarca no Convenio Marco de colaboración para o desenvolvemento de actividades conxuntas de investigación, innovación e transferencia de coñecementos en materia agroalimentaria e forestal asinado polas dúas partes en xullo do ano pasado, vén suceder a outro subscrito co mesmo fin en 2017, cuxo obxecto principal foi o desenvolvemento das actividades necesarias para a conservación, caracterización, transferencia de material de base e inscrición nos rexistros de castes comerciais -incluídas as DOR (variedades con descrición oficialmente recoñecida)- e de conservación das variedades vexetais de interese agrario. Neste caso, incluíronse variedades de horta (pementos, tomate, leituga, cebola, chícharo e repolo), froiteiras (castiñeiro para froito), castes de cereais de inverno (trigo), millo, castes de forraxeiras pratenses e de vide.

Co novo convenio, apostarase agora pola conservación de castes tradicionais de especies agrícolas pratenses e de millo existentes no Banco de Xermoplasma de Recursos Fitoxenéticos de Galicia e pola caracterización e xenotipado de material agronómico de reprodución, para proceder logo á solicitude do seu rexistro como castes comerciais ou de conservación. Tamén se traballará na conservación de castes tradicionais e na caracterización e xenotipado de material forestal de reprodución, que se proporciona aos viveiros, así como na selección e xenotipado de novas accesións de castes tradicionais en zonas mostradas, para a súa inclusión no Banco de Xermoplasma. Así mesmo, avogarase pola transferencia de material precintado das castes rexistradas e material forestal de reprodución a viveiros galegos produtores incluídos no Rexistro Nacional de Sementes e Plantas de Viveiro.

No caso do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, coas tarefas de conservación, caracterización e mellora xenética buscarase incidir no aumento das producións, na rendibilidade dos cultivos, na resistencia ás pragas ou na adaptación ás secas, claves para conseguir a reintrodución no mercado das castes autóctonas que contan cunha calidade diferenciada.

En relación á Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, faranse estudos das variedades Albilla do Avia, Xafardán e Zamarrica, procederase ao rexistro das variedades Carabuñeira (Carabuñenta, Touriga Nacional) e Tinta Amarela e traballarase para a selección principal das variedades Merenzao e Branco lexítimo Albarín Blanco (Branco lexítimo), que permitirá escoller e rexistrar os clons de mellor calidade. Nesa liña, incidirase no control sanitario e varietal do material, con estudos de análise de viroses e de caracterización.

No que respecta ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán, avogarase pola caracterización, conservación, inscrición nos rexistros de castes comerciais -incluídas as DOR (variedades con descrición oficialmente recoñecida)- ou conservación de variedades de castiñeiro e o fomento da súa transferencia ao sector a través de viveiros multiplicadores. Tamén pola caracterización da poboación de mellora de piñeiro do país mediante o estudo do ADN para a selección de distintos xenotipos de piñeiro resistentes fronte a pragas e enfermidades.

Canto ás funcións da Fundación Juana de Vega, encargarase de colaborar nas accións para a transferencia do material vexetal producido nos centros dependentes da Axencia Galega da Calidade Alimentaria a viveiros produtores de castes tradicionais, así como nas actividades de divulgación e promoción das actividades obxecto do convenio e en relación con todas as variedades vexetais conservadas, incluídas as hortícolas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información